Inicio Galicia Conde afirma que as previsións do sector da automoción para o último...

Conde afirma que as previsións do sector da automoción para o último trimestre do ano son alentadoras e van ter como obxectivo avanzar no desenvolvemento do vehículo eléctrico e autónomo

0

Destaca a forte aposta que PSA está a facer polo vehículo eléctrico tanto a nivel de I+D+i como de infraestruturas

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe que as previsións do sector galego da automoción para o último trimestre do ano son alentadoras e van ter un obxectivo claro: avanzar no desenvolvemento do vehículo eléctrico e autónomo. Así o manifestou hoxe nunha visita que realizou ao centro de formación e ao novo taller de baterías da factoría de PSA en Vigo, acompañado pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.

Conde destacou a forte aposta que PSA está a facer polo vehículo eléctrico tanto a nivel de I+D+i como de infraestruturas. De feito, indicou que desde estas instalacións, que ampliaron a súa capacidade, a factoría de Vigo subministra 300 unidades diarias de baterías para os vehículos que o grupo fabrica en España, e a sitúan nunha posición de vantaxe competitiva con respecto ao resto de fábricas da multinacional.

O vicepresidente económico afirmou que, grazas ao seguimento estrito que se está a facer dos protocolos de seguridade, a factoría de Balaídos se atopa ao máximo da súa capacidade e está en condicións de acadar un volume de produción similar ao de 2019, cunha produción total de 400.000 vehículos. Polo tanto, subliñou que, desde a prudencia, as perspectivas do sector son esperanzadoras e a iso contribúe o dato de exportacións de xullo, que apunta a unha suba do 74,6 por cento con respecto ao mesmo mes do ano pasado.

Dixitalización e eficiencia enerxéticaConde lembrou que, desde 2009, a Xunta destinou ao conxunto da industria galega da automoción -incluíndo o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga)-, case 190 millóns de euros que mobilizaron máis de 350 millóns en investimentos e formación. Agora, nesta lexislatura que comeza, dixo, o Goberno galego non vai escatimar esforzos nin recursos para impulsar este sector estratéxico para a economía galega; por iso, vén de firmar un acordo de colaboración con PSA de 5 millóns de euros para potenciar a produción da versión eléctrica da K9.

Segundo dixo, son apoios que encaixan na aposta que Galicia está a facer pola dixitalización e a eficiencia enerxética. Neste sentido, entre as medidas que a Xunta ten en marcha para impulsar a Industria 4.0, está o programa Fábrica Intelixente, dotado con 15 millóns de euros e que ten a convocatoria aberta ata o 28 de setembro. E para fomentar a mobilidade sustentable con iniciativas para incentivar a demanda, xa está convocada a segunda edición do Plan Moves, cun investimento de 5 millóns de euros, que ofrece axudas de ata 9.000 euros para a compra de turismos ou furgonetas eléctricas e que tamén apoiará a compra de vehículos a gas ou GLP. As entidades colaboradoras xa poden solicitar a súa adhesión a este programa e os particulares poderán solicitar as axudas a partir do 1 de outubro.

O vicepresidente económico quixo, tamén, agradecer a participación de PSA Vigo na aceleradora Business Factory Auto e no Hub de Innovación Dixital que lidera o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga).

Aposta pola igualdadePola súa banda, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, recoñeceu o esforzo da factoría por retomar a actividade nun tempo récord tras o parón da covid-19, e apuntou que o vindeiro mes de outubro a planta de PSA en Vigo vai activar a cuarta quenda de traballo, o que supón a incorporación de 600 traballadores. Ademais salientou que é unha empresa exemplar no eido da igualdade posto que hai preto de 25 anos a porcentaxe de mulleres que traballaban na planta viguesa era do 2,75 por cento e na actualidade xa superan o 23 por cento do cadro de persoal. De feito, este ano case 400 mulleres foron contratadas na factoría de Balaídos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre