Inicio Galicia Comezan os tres obradoiros de emprego impulsados pola Xunta na zona sur...

Comezan os tres obradoiros de emprego impulsados pola Xunta na zona sur da provincia de Lugo, nos que se formarán 60 persoas de sete concellos

0

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 1 millón de euros a financiar os tres talleres, que durarán nove meses


Os tres obradoiros de emprego impulsados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria na Zona Sur da provincia de Lugo veñen de iniciar a súa actividade coa participación de 60 persoas alumnas-traballadoras (20 en cada taller) que durante os próximos nove meses recibirán formación teórica e práctica en diferentes especialidades.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que as tres iniciativas suman unha achega autonómica de 1 millón de euros (336.500 euros para cada obradoiro). Balseiro participou hoxe na inauguración do taller Sillor VI, promovido polo Concello de Folgoso do Courel xunto con Ribas de Sil e Quiroga. No acto estiveron tamén, entre outras persoas, a alcaldesa do Courel, Lola Castro; o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez; e o tenente de alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro.

Os outros dous obradoiros que comezan na Zona Sur da provincia de Lugo son o de Monforte de Lemos e o taller Ricra III, que promove o concello do Saviñao xunto cos de Pantón e Sober. No caso de Monforte, trátase dun obradoiro dual que inclúe incentivos para a contratación de 8 participantes en empresas da contorna por un prazo mínimo de tres meses ao finalizar o período formativo. Con ese fin, a Xunta concede unha achega adicional de 12.000 euros.

O delegado lembrou que os obradoiros combinan a formación teórico-práctica co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación na actividade. Ademais, ao finalizar terán acceso a un certificado de profesionalidade na especialidade escollida.

Actuacións proxectadas en sete concellosO obradoiro Sillor VI (Folgoso do Courel, Ribas de Sil e Quiroga) imparte formación relacionada coa albanelería -con sete alumnos de Quiroga- e urbanización -con seis participantes de Folgoso do Courel e sete de Ribas de Sil). Os proxectos que prevén acometer en Folgoso do Courel son o remate das escolas do Carballal e A Teixeira e os espazos dianteiros; a construción de beirarrúas na rúa Nova de Folgoso e a instalación de plataformas con valado para contedores. En Quiroga traballarán na segunda fase da ampliación do Museo Xeolóxico e en Ribas de Sil na pavimentación do acceso e a finalización do peche dunha parcela de equipamentos municipais de San Clodio.

Por outra banda, o taller de Monforte de Lemos adicarase á segunda fase do acondicionamento das instalacións da escola obradoiro da Pinguela. Imparte formación relacionada coa albanelería (12 alumnos), así como fontanería e calefacción-climatización doméstica (8 alumnos).

No que respecta ao obradoiro Ricra III (O Saviñao, Pantón e Sober), oferta a especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (ten 4 alumnos de cada concello) e tamén formación relacionada coa carpintería e moble (3 alumnos de Pantón, 2 de Sober e 3 do Saviñao).

A modalidade de atención sociosanitaria desenvolverase na residencia Nuestra Señora del Carmen de Sober e no centro de día de Pantón. Ademais, o obradoiro elaborará mobiliario urbano e mobles para edificios públicos dos tres concellos participantes, tales como varandas de madeira, bancos, ‘cobre-contedores’, estantes ou armarios.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre