Inicio Galicia Cinco cooperativas agrarias da provincia de Lugo reciben este ano 539.000 euros...

Cinco cooperativas agrarias da provincia de Lugo reciben este ano 539.000 euros para o fomento do uso de maquinaria en réxime asociativo

0

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, destacou que esta medida ten entre os seus obxectivos racionalizar os custos de mecanización e reducir as emisións contaminantes


A Consellería do Medio Rural vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas concedidas na convocatoria de 2019 para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo, que na provincia de Lugo benefician a cinco cooperativas agrarias e suman un importe global de 538.843 euros.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que as sociedades cooperativas beneficiarias nesta provincia son Cuma Sarria (Sarria), Coparma (O Páramo), Leira (Paradela), Vilaxuste (Portomarín) e Aira (Taboada).

As achegas van dirixidas a promover a adquisición de maquinaria para a súa utilización en réxime asociativo e contribuír a fomentar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario; racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético.

As axudas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Trátase de mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a súa reestruturación e modernización, en particular co obxecto de incrementar a súa participación e orientación cara o mercado, así como a diversificación agrícola. Ao tempo, procúrase tamén reducir as emisións dos gases de efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre