Inicio Galicia Cetmar colabora con Fórum Océano no Business2Sea 2018, que se celebrará en...

Cetmar colabora con Fórum Océano no Business2Sea 2018, que se celebrará en novembro en Porto dedicado aos 'Desafíos do mar 2030'

0

O evento, que ten carácter internacional e está aberto a todas as organizacións vinculadas co mundo do mar, contempla unha conferencia principal, un programa de talleres e seminarios, exposicións e encontros de negocios

O Centro Tecnolóxico do Mar participará este ano na organización da edición 2018 do Bussines2Sea no marco dun acordo de colaboración con Fórum Océano, entidade portuguesa responsable deste evento internacional que o vindeiro mes de novembro reunirá en Porto a organizacións, profesionais, investigadores ou estudantes vinculados ao mundo do mar.

O devandito acordo pretende afianzar as relacións entre ambas institucións e estender a Galicia o impacto dun evento que en edicións anteriores reuniu a máis de 1.300 participantes nas diferentes actividades programadas. A Fundación CETMAR ve nesta colaboración unha oportunidade para que institucións, empresas e entidades galegas participen e aproveiten a visibilidade dun evento moi consolidado na eurorexión.“Desafíos do Mar 2030” é o eixo temático da oitava edición deste Fórum do Mar que terá como escenario o Centro de Congresos de Alfândega entre os días 14 e 16 de novembro, cando se debaterá sobre a dixitalización da economía do mar, a sustentabilidade e o coñecemento dos océanos, a cooperación, o emprego e as competencias profesionais, ou a programación futura dos fondos comunitarios.

Ademais dunha conferencia principal, o programa previsto inclúe un conxunto de seminarios e talleres temáticos, un programa de encontros internacionais de negocios, sesións curtas de presentación de proxectos nesta área, exposicións e degustacións de produtos do mar.

A asistencia é libre mediante inscrición nos diferentes eventos, que será posible a través de plataforma dixital a partir do mes de setembro no caso das conferencias, seminarios e talleres, e de outubro no caso dos encontros profesionais de negocios e das sesións curtas.

Os interesados en presentar os seus produtos, servizos e tecnoloxías vinculados á área do mar poderán facelo na mostra prevista e nos espazos habilitados a tal efecto, aboando as tarifas que a organización fará públicas no seu momento.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre