Inicio Galicia Cecilia Pereira destaca a pegada xacobea en Portugal no lanzamento do Camiño...

Cecilia Pereira destaca a pegada xacobea en Portugal no lanzamento do Camiño de Santiago no Alentejo e Ribatejo

0

A comisaria do Xacobeo 21 participou na presentación destes dous trazados que percorren máis de 900 quilómetros e atravesan 30 municipios lusos


A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, participou hoxe en Portugal no lanzamento oficial das rutas Camiño de Santiago no Alentejo e Ribatejo. Trátase dun proxecto que, baixo o lema Un segredo ben gardado, vai sinalizar e fomentar estes dous grandes camiños, maioritariamente rurais, que en total suman máis de 900 quilómetros xa sinalizados.

Concretamente, o proxecto desenvolvido por Turismo do Alentejo e Ribatejo, en colaboración coa Xunta de Galicia e con diferentes entidades vinculadas ao Camiño de Santiago, contempla a sinalización de dous trazados: o Caminho Nascente e o Caminho Central. Estes dous itinerarios, moi diferentes en costumes e tradicións nos que os peregrinos se atopan con paisaxes e experiencias complementarias, atravesan 30 municipios do país veciño.

Durante a presentación, a comisaria do Xacobeo 21, que se referiu a esta cita como “un día histórico para Galicia e Portugal”, puxo en valor a estreita colaboración entre as dúas rexións “especialmente no Camiño de Santiago” e salientou o papel vertebrador da Ruta Xacobea. Neste sentido, Cecilia Pereira precisou que na actualidade lévanse a cabo “moitas accións conxuntas entre Galicia e Portugal” e que moitas destas iniciativas están dirixidas precisamente a potenciar os itinerarios que transcorren polo país veciño e cuxo principal obxectivo é preservar o legado xacobeo en Portugal.

Cecilia Pereira incidiu en que a celebración do Xacobeo 21 “é un gran reto para todas as localidades polas que pasa o Camiño e Portugal está chamado a ter un papel protagonista, porque temos claro que o vindeiro Ano Santo non é algo exclusivo dunha única comunidade autónoma, nin dunha soa administración nin dun único país”.

Autoridades portuguesasÁ presentación destas rutas acudiron a secretária de Estado do Turismo de Portugal, Ana Mendes; o presidente de Turismo do Alentejo e Ribatejo, António Ceia; a directora regional de Cultura do Alentejo, Ana Paula Amendoeira; o presidente da Câmara Municipal de Santiago do Cacém, Álvaro Beijinha; o bispo de Beja, Dom João Marcos; o bispo de Portoalegre- Castelo Branco, Antonino Eugénio Fernandes; e o arcebispo de Évora, Francisco José Villas-Boas, así como numerosos alcaldes das localidades polas que transcorren estas rutas e as federacións española e portuguesa de asociacións de amigos do Camiño.

As actividades programadas por hoxe complétanse coa celebración dunha mesa redonda na que participa o director de Administración e Relacións coas Asociacións do Camiño de Santiago, Isaías Calvo e coa presentación oficial da película Caminhos de Santiago Alentejo Ribatejo, un filme impulsado por Turismo do Alentejo e Ribatejo para promocionar estas dúas rutas.

Cómpre destacar que o Camiño Portugués é un dos máis frecuentados polos peregrinos. Tanto é así que o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa supoñen o 25% do total de peregrinos cos que conta a Ruta Xacobea.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre