Inicio Galicia Cativos de Pontevedra coñecen o sector pesqueiro galego da man do programa...

Cativos de Pontevedra coñecen o sector pesqueiro galego da man do programa ?O sabor da aventura está no mar?

0

Un grupo de 60 alumnos puido comprobar como é o traballo diario nos portos, lonxas e prazas de abastos vencellado á actividade extractiva


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañou hoxe aos alumnos do IES Valle Inclán de Pontevedra na súa visita á lonxa de Portonovo no marco do programa O sabor da aventura está no mar. Mediante esta iniciativa os 60 estudantes que formaban a comitiva, xunto aos seus mestres, puideron afondar en como se desenvolve a actividade nos portos, a venda nas lonxas, a comercialización nos mercados e a importancia para a saúde de consumir produtos do mar. A representante do Executivo galego estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e asistiu a unha poxa ficticia na que os alumnos puideron comprobar as peculiaridades dos centros de primeira venda galegos. Nese sentido, a titular de Mar remarcou a importancia de que os máis novos coñezan os distintos tipos de embarcación, as especies que capturan, os aparellos que empregan os profesionais do mar e como se comercializan eses produtos que fan da pesca un sector fundamental para a economía de Galicia.

Rosa Quintana tamén salientou a importancia deste tipo de programas -O sabor da aventura está no mar botou a andar en 2010- para impulsar o consumo dos produtos do mar entre os máis pequenos e ampliar o coñecemento dos seus beneficios para a saúde pois son unha excelente fonte de proteínas, teñen un baixo contido calórico, son ricos en ferro e vitamina D e tamén en ácidos graxos Omega-3. Neste sentido, os estudantes puideron coñecer as distintas especies pesqueiras e as súas características nutricionais así como a mellor maneira de manipulalos para preservar a súa calidade.

A visita dos alumnos do IES Valle Inclán á lonxa de Portonovo enmárcase, non obstante, nunha xornada máis ampla na que, entre outras actividades, puideron coñecer as múltiples instalacións do porto, os distintos tipos de embarcacións existentes, os aparellos que empregan eses barcos e como realizan o seu traballo as redeiras. Tamén estiveron na praza de abastos da vila, onde comprobaron a variedade de especies que se comercializan e aprenderon a determinar o grado de frescura do pescado. Como peche da xornada, gozaron dunha merenda mariñeira a base de produtos do mar e da terra.

Unha iniciativa recoñecidaO programa O sabor da aventura está no mar, que está a piques de cumprir dez anos en marcha, permitiu achegar o mundo do mar e os seus recursos pesqueiros a 51.000 nenos e nenas de toda Galicia, máis de 15.000 só no pasado curso académico. A campaña contou con 314 obradoiros en 120 centro escolares e oito eventos especiais. No ano 2017 a campaña foi recoñecida pola Comisión Europea como exemplo das mellores prácticas en proxectos financiados polo Fondo Europeo de Pesca.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre