Inicio Galicia ?Castelao Maxistral? clausúrase este domingo como a exposición máis visitada da historia...

?Castelao Maxistral? clausúrase este domingo como a exposición máis visitada da historia da Cidade da Cultura de Galicia

0

Hoxe celébrase un concerto de despedida coa Orquestra de Cámara Galega e cun repertorio vencellado á vida e á obra do intelectual de Rianxo


A Cidade da Cultura clausura este domingo, 3 de marzo, Castelao maxistral cun exitoso balance, xa que se trata da exposición máis visitada da historia do Gaiás, cunha cifra que supera as 40.000 persoas durante os 120 días de apertura ao público. Este alto número de visitas tiveron como principal motivación o fito histórico de ver por vez primeira en Galicia o lendario cadro A derradeira leición do mestre, pintado polo artista de Rianxo en 1945 en homenaxe ao amigo e intelectual galeguista Alexandre Bóveda, asasinado en 1936, e que nunca antes tiña saído do Centro Galicia de Buenos Aires, institución á que pertence.

Hai que salientar, como balance desta exposición, que unha media de 303 visitantes diarios achegáronse ao Museo Centro Gaiás, atraídos pola oportunidade histórica de ver este óleo icónico, considerado o Guernica galego. Esta cifra de visitantes/día tamén bateu un récord na ‘biografía’ do Gaiás, superando incluso á de Gallaecia Petrea, que rexistrou unha media de 279 visitantes por día. Cómpre recordar que aquel foi un número especialmente alto, no que tamén influíu —ademais do interese da mostra — a curiosidade que moitos galegos e galegas sentían por achegarse por primeira vez ao Museo Centro Gaiás, que botou a andar con ese proxecto expositivo.

Entre as cifras, tamén son moi especialmente significativas as de escolares; preto dos 9.000 de diferentes cursos e provenientes de 120 centros educativos de toda Galicia. Precisamente, nesta recta final, a Cidade da Cultura está a organizar esta semana unha serie de debates escolares ao redor de A derradeira leición do mestre. Más dun cento de estudantes do último ciclo da ESO e de Bacharelato de diferentes centros de Galicia están a acudir ao Museo Centro Gaiás para participar en diálogos moderados por xornalistas, que lles convidarán a reflexionar sobre o valor da educación nas sociedades democráticas.

Concerto de despedida coa Orquestra de Cámara GalegaNo entanto, o alfinete de ouro de clausura será hoxe venres co concerto de despedida da Orquestra de Cámara Galega. Dirixida por Rogelio Groba, ofrecerá un repertorio, que incluirá composicións vinculadas á Castelao como Na Catedral, movemento da obra musical Alba de Gloria composta polo proxenitor do director, Rogelio Groba Groba, inspirándose no histórico discurso do intelectual de Rianxo no exilio. Ademais, interpretaranse pezas de compositores galegos, como Andrés Gaos, ou de arxentinos, como Astor Piazolla. A entrada a este concerto é de balde, previa recollida de convite no Museo Centro Gaiás, e para o que xa quedan poucas prazas das preto de 400 ofertadas.Éxito das actividadesNeste senso, débese pór en valor a extraordinaria acollida por parte do público das actividades que dinamizaron e arrouparon a exposición Castelao maxistral. De feito esgotáronse as entrada no concerto de Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, coral fundada polo propio Castelao, e no concerto ‘Os camiños de Castelao’ da Real Filharmonía de Galicia.

Ademais de actuacións musicais, a exposición contou cun programa de visitas-relatorio no que os e as participantes tiveron a oportunidade de aproximarse á figura de Castelao da man de especialistas como o comisario Miguel Anxo Seixas, pero tamén dos catedráticos Lourenzo Fernández Prieto e Antón Costa ou de Carlos Valle, ex director do Museo Provincial de Pontevedra, institución que custodia boa parte do legado artístico de Castelao.

Completaron esta actividade, os ‘Debates ao redor de Castelao’ que tiveron como protagonistas a persoeiros relevantes como o humorista gráfico Siro López, o ex Valedor do Pobo, José Julio Fernández, a experta en movementos migratorios Pilar Cagiao ou o crítico de arte Carlos Bernárdez.

Na Deputación de Ourense antes de volver a Buenos AiresTras a clausura este domingo, o lenzo A derradeira leición do mestre trasládase á Deputación de Ourense, onde se exhibirá ao público, a partir do 7 de marzo, en virtude dun convenio firmado entre esta institución provincial, a Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Buenos Aires. Posteriormente, regresará á capital da Arxentina para volver a entidade á que pertence. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre