Inicio Galicia Case 80 entidades recibirán axudas da Xunta para programas dirixidos a mulleres...

Case 80 entidades recibirán axudas da Xunta para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade

0

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as organizacións beneficiarias da ampliación de crédito que permite atender todas as solicitudes


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das organizacións beneficiarias debido á segunda ampliación do orzamento da convocatoria de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para que desenvolvan programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Cómpre lembrar que na primeira resolución da convocatoria, que se publicou en xuño tras a primeira ampliación de crédito houbo 73 beneficiarias, e coa incorporación das tres en lista de espera, a convocatoria deste ano chegará a un total de 76 entidades.

A Xunta atende así a todas as solicitudes presentadas deste ano e desta volta destina 26.250 euros a tres organizacións que estaban en lista de agarda para que poidan levar a cabo distintos recursos integrais para mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Entre os proxectos financiados inclúense servizos de atención psicoterapéutica ou programas de apoio á vivenda dirixidos a estas mulleres, así como actividades de empoderamento para mulleres con discapacidade intelectual.

A convocatoria deste ano contou con dúas ampliacións. O pasado maio xa se incrementara o crédito destinado a este fin en algo máis de 122.000 euros e a finais de xullo fíxose unha nova ampliación de 24.000 euros, polo que o orzamento pasou dos 1,3 millóns de euros iniciais a 1,4 millóns, cofinanciados polo Fondo Social Europeo.

Con estas axudas, o Goberno galego busca fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír a reducir a dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, e para dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación laboral, social e persoal.

Para iso, fináncianse programas que inclúen unha atención personalizada e especializada de cara a integración laboral e social que poden ser de dous tipos: de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de 3 anos e en situación de especial vulnerabilidade; e de atención especializada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos.

Teñen a consideración de mulleres en situación de especial vulnerabilidade, entre outras, as vítimas de violencia de xénero; inmigrantes, emigrantes ou refuxiadas; pertencentes a minorías étnicas; dependentes do consumo de substancia tóxicas; perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións; reclusas ou exreclusas; transexuais ou con conflitos de identidade de sexo; con discapacidade ou enfermidade mental; maiores ou viúvas; sen fogar; ou desempregadas de longa duración. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre