Inicio Galicia ?Cartografías da narrativa galega contemporánea?, de Xaquín Núñez, Premio Ramón Piñeiro de...

?Cartografías da narrativa galega contemporánea?, de Xaquín Núñez, Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2019

0

O galardón, dotado con 3000 euros e a publicación da obra, convócano conxuntamente a Secretaría Xeral de Politíca Lingüística e a Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega

A obra Cartografías da narrativa galega contemporánea, de Xaquín Núñez Sabarís, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2019, que convocan conxuntamente a Consellería de Cultura e Turismo e Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega. O galardón está dotado con 3000 euros e a publicación da obra por Galaxia durante o próximo ano.

O xurado, que concedeu o premio por maioría e salientou a calidade dos orixinais presentados e a variedade de temas tratados neles, valorou moi especialmente o achegamento ao discurso literario galego desde unha perspectiva aberta ao transmedia e á cultura de grande difusión. A obra revela dunha maneira anovadora e lúcida cambios repertoriais na produción galega a través do estudo do thriller xacobeo, a novela viguesa e o auxe da narcoficción. Integrárono África López Souto, Luís Alonso Girgado, María López Sández, Anna Rodríguez Figueiredo e Carlos Lema (este último, como secretario con voz e voto). O autor, Xaquín Núñez Sabarís, é doutor en Filoloxía Hispánica e profesor asociado titular do Departamento de Estudos Românicos da Universidade do Minho, institución en cuxo Centro de Estudos Humanísticos desenvolve o seu labor investigador no marco do grupo de investigación Identidade(s) e Intermedialidade(s). Participa tamén no grupo de investigación dedicado ao estudo da obra de Valle-Inclán da Universidade de Santiago de Compostela.

Un galardón con 19 obras e autores premiadosDesde a súa creación, no ano 2000, o Premio de Ensaio Ramón Piñeiro conta cun total de 19 autores e obras premiadas: Basilio Lourenço Fondevila (A submisión das masas. Do poder do progreso ao progreso do poder); Anxo A. Rei Ballesteros, (Tempo e vinganza); Xosé Luís Barreiro Rivas (A terra quere pobo); Teresa Moure (Outro idioma é posible), Rebeca Baceiredo (O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo), Ramón Area Carracedo e Alexandre García-Caballero (Psicopatoloxía do retorno), María López Sández (Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio), Xosé Ramón Quintana Garrido (Un longo e tortuoso camiño), Manuel Pérez Rúa (Domingos de calcetíns brancos. Retrato do cambio social na xeración de 1950), Ramón Máiz (A arte do imposible), Teresa Moure (Queer-emos un mundo novo), Xaime Subiela (Para que nos serve Galiza?), José María Durán Medraño (Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio sobre o pracer nun diálogo con Karl Marx), Luís García Soto (Barthes filósofo), Santiago Lamas e Alfonso Mato (De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de Nós ao cabo do mundo), Rafael Quintía Pereira (Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia), Xosé Constenla (O colapso territorial en Galiza. Unha lectura dende o espazo da construción social do país’) e Fernando Redondo Neira (Os amorodos de Bergman).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre