Inicio Galicia Carmen Pomar visita o CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño), centro referente...

Carmen Pomar visita o CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño), centro referente no uso da súa biblioteca escolar para a mellora da aprendizaxe

0

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional tamén se achegou ao IES de Salvaterra, no que a Xunta vai investir arredor de 1,5 millóns de euros na ampliación de talleres para ciclos formativos

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, achegouse esta mañá a Salvaterra de Miño para coñecer de preto dous dos centros educativos deste Concello, o CEIP de Leirado e o IES de Salvaterra.

No caso do CEIP de Leirado, a visita centrouse na nova biblioteca do centro, que se fixo realidade neste curso tanto no que atinxe á reestruturación do espazo físico en si como á dotación material da mesma grazas ao apoio recibido pola Consellería de Educación ao abeiro do Proxecto LÍA.2. Precisamente o CEIP de Leirado forma parte dos 20 centros incluídos neste proxecto piloto que ten como obxectivo explorar as posibilidades de evolución da biblioteca escolar baseándose nos conceptos de interdisciplinariedade, cambio metodolóxico, corresponsabilidade e inclusión.

Deste xeito, as bibliotecas incluídas no LÍA.2 deben facilitar oportunidades de aprendizaxe diversas, ademais de ser o núcleo principal de formación de hábitos de lectura no conxunto da comunidade educativa. Para iso, fomentarase a abordaxe na biblioteca dos traballos por proxectos e de todas aquelas iniciativas nas que participe o centro, así como o tratamento dos diferentes formatos (impreso, dixital ou audiovisual) e recursos.

Carmen Pomar subliñou a importancia das bibliotecas escolares como espazos de aprendizaxe que van máis aló do estritamente académico xa que aportan un valor engadido en canto a metodoloxías de aprendizaxe, ao fomento da curiosidade e do pensamento crítico, da inclusión, ou á mellora da comprensión e a expresión que redunda nun beneficio de todas as competencias (sexan lingüísticas, matemáticas ou científicas) do alumnado.“Estes espazos son, hoxe en día, os motores da innovación nas escolas. Nelas é onde primeiro se aprende a traballar en equipo, a resolver problemas por vós mesmos, a compartir coñecemento”, especificou a conselleira, quen asegurou que “o amor pola lectura é un dos mellores agasallos que se poden facer”.

Ademais de animar ás rapazas e rapaces do CEIP de Leirado a aproveitar todas as oportunidades e recursos que ofrece este centro, Pomar tamén agradeceu a implicación do profesorado deste centro por participar na meirande parte dos programas da Consellería relacionados coas bibliotecas escolares. De feito, este centro leva unha ducia de anos na rede Plambe (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares de Galicia), participa no programa Biblioteca Creativa, que ten como obxectivo estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe da programación (Escornabots), e no Voluntariado de Lectura-A; e resultou galardoado nas últimas tres edicións do concurso de Traballos por Proxectos da Consellería, nas modalidades de Proxectos documentais Integrados coordinados desde a biblioteca escolar e de Proxectos de Investigación Intercentros.

Ademais de polo equipo directivo, na súa visita a conselleira estivo acompañada polo alumnado do centro. En concreto, un grupo de rapazas e rapaces de 6º curso de Primaria foron os encargados de levala nunha visita guiada pola biblioteca e os seus espazos anexos de radio escolar e cociña. Precisamente na zona de cociña-biblioteca, os estudantes de 5º curso ofrecéronlle unha receita elaborada por eles mesmos.

Talleres para ciclos formativos no IES de SalvaterraLogo da visita ao CEIP de Leirado, Carmen Pomar desprazouse ao IES de Salvaterra de Miño para, da man do equipo directivo, coñecer o centro así como os proxectos educativos que desenvolven.

Carmen Pomar lembrou que o seu departamento ten previsto acometer unha importante ampliación e mellora das instalacións para ciclos formativos neste instituto, para o cal xa hai comprometida unha partida de 1,5 millóns de euros. Segundo explicou, está previsto encargar o proxecto no primeiro trimestre co fin de licitar as obras ao longo do ano 2020.Á falta de dispoñer dos detalles do proxecto técnico, a idea é acondicionar e remodelar a planta baixa para poder trasladar a ese espazo o taller de madeira que utilizan os alumnos de FP Básica de Madeira, agora nun local do Concello.

Este instituto tamén destaca pola actividade arredor da súa biblioteca escolar. Ao igual que o CEIP de Leirado, forma parte da rede Plambe de Mellora de Bibliotecas Escolares, e participa nas iniciativas Clubs de Lectura e Clubs de Ciencia impulsadas pola Consellería de Educación.

Ademais, a través do Plan de Formación do Profesorado, os docentes reciben formación específica en materia de biblioteca escolar, prácticas restaurativas, club de ciencia, programa de Titoría entre Iguais e mellora da competencia lingüística en italiano.

No que atinxe á mellora das instalacións, cómpre salientar que a Consellería de Educación leva investido na última década preto de 153.000 euros neste centro, que permitiron o acondicionamento de talleres para ciclos formativos e a mellora nas instalacións eléctricas, na fachada e na cuberta, entre outras.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre