Inicio Galicia Carmen Pomar visita as obras do CEIP Novo Mesoiro (A Coruña) onde...

Carmen Pomar visita as obras do CEIP Novo Mesoiro (A Coruña) onde a Xunta inviste 3,8 millóns de euros

0

Os traballos de construción do CEIP Novo Mesoiro (na Coruña), que se iniciaron hai seis meses, están avanzando a bo ritmo, polo que se mantén a previsión de que esta infraestrutura educativa entre en funcionamento no curso 2020-21, tal como estaba previsto.

Así o puido comprobar esta mañá a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, na visita que realizou ás obras, onde subliñou que o seu departamento está traballando de xeito intenso e rigoroso para ampliar e mellorar a dotación educativa sobre todo naquelas zonas onde se rexistra un incremento de demanda de escolarización debido ás dinámicas demográficas, como é o caso desta zona da Coruña, que está a experimentar un importante crecemento de poboación.

De feito destacou que este centro -que supón un investimento de 3,8 millóns de euros por parte do Goberno galego- é un dos seis novos cuxa construción está programada para os próximos anos en Galicia.

Ademais puxo en valor outras actuacións que está levando a cabo o seu departamento en materia de infraestrutura educativa na cidade herculina, entre as que cómpre destacar a rehabilitación integral do IES Eusebio da Guarda (1,2 millóns de euros, actualmente en execución), a rehabilitación integral do IES de Monelos (con 838.000 euros); e a nova instalación eléctrica do CIFP Someso (máis de 319.000 euros).

Características técnicas do CEIP Novo MesoiroEsta nova infraestrutura educativa ocupará unha parcela de algo máis de 8.600 metros cadrados, no barrio de Novo Mesoiro, na parcela dos antigos hortos urbanos, e terá unha superficie útil construída de 3.100 metros cadrados. O colexio disporá de dúas unidades por cada curso, polo tanto, un total de 18 unidades, 6 aulas de infantil e 12 de primaria, cunha capacidade global de 450 alumnos cando estea plenamente operativo.

Así mesmo, disporá de dúas pistas polideportivas de 40×20 metros, unha delas cuberta; e cumprirá tamén con todos os requisitos de accesibilidade para o correcto uso e funcionamento do colexio.

O centro contará cunha aula de música, catro zonas de espazo educativo, unha aula de Informática, unha sala de usos múltiples, un comedor e un ximnasio con vestiarios. Polo demais, o CEIP cumprirá con todos os estándares do máximo nivel en canto a equipamentos, espazos e superficies tanto exteriores como interiores para que a actividade docente poida desenvolverse do mellor xeito posible.

Actualmente estase rematando a estrutura do colexio e do ximnasio e comezando a cimentación da pista cuberta. En breve comezarán as obras de tabiquería e colocación dos prefabricados na fachada do edificio. STEMweekCarmen Pomar aproveitou tamén para visitar o alumnado participante na STEMweek, a actividade organizada pola Consellería para mellorar as competencias en lingua inglesa e competencia científico-tecnolóxica ou STEM dos estudantes de 3º e 4º de ESO, e que se está a desenvolver no Centro Residencial Docente da Coruña. Nesta primeira quenda, que se prolonga ata o 31 de agosto, gozan da actividade 100 alumnas e alumnos de 3º de ESO, mentres que na segunda, do 1 ao 7 de setembro, farano outros tantos de 4º de ESO.

Tal e como explicou a conselleira, ao longo desta semana o alumnado realiza un programa de accións dirixidas a promover capacidades, coñecementos e técnicas que esperten o seu interese pola ciencia e a matemática. Deste xeito preténdese crear unha canteira científica, especialmente de mulleres, entre o alumnado e afondar no seu dominio da competencia comunicativa en inglés.

Esta convocatoria forma parte da Estratexia Galega de Educación Dixital (Edudixital 2020) e, en concreto, da liña destinada a fomentar as vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), ademais de formar parte da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras (Edulingüe 2020). 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre