Inicio Galicia Carmen Pomar subliña a consolidación do FP Innova como escaparate do liderado...

Carmen Pomar subliña a consolidación do FP Innova como escaparate do liderado e a innovación da Formación Profesional galega

0

A conselleira de Educación destacou a aposta do Goberno galego por unhas ensinanzas de FP de calidade e adaptadas ao tecido socioeconómico, que recibirán un novo impulso cun plan específico de dinamización no ámbito da FP Dual para os próximos anos

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, destacou hoxe que o FP Innova é xa unha cita consolidada como escaparate da Formación Profesional galega máis innovadora e emprendedora. A conselleira clausurou hoxe a xornada técnica da cuarta edición deste congreso, que durante tres días reúne en Santiago unhas 8.000 persoas entre alumnas e alumnos, docentes e profesionais, ademais doutros 6.000 visitantes estimados.

Carmen Pomar salientou a importancia deste evento na medida en que aglutina “os proxectos innovadores nos que se está traballando nos centros; o interese empresarial nesa innovación para facer os seus negocios máis competitivos nun mercado global; a presenza de milleiros de alumnas e alumnos, ben amosando o seu traballo, ben observando para decidir o seu futuro; así como o labor dos docentes que demostran a súa capacidade de motivación e liderado na procura dun mellor nivel formativo”.

Para a conselleira FP Innova 2019 é tamén sinónimo do “grande esforzo” que se está facendo desde os centros para potenciar unha Formación Profesional de calidade, adaptada á realidade socioeconómica galega mediante a especialización por sectores produtivos. Proba disto é que neste congreso se dan cita 51 centros e 67 empresas colaboradoras, con 36 proxectos de innovación e 18 miniempresas creadas polo alumnado e o profesorado no marco do Eduemprende.

Neste senso a conselleira aludiu ao apoio do Goberno galego por aproveitar as sinerxías entre as aulas e o sector empresarial con iniciativas como os viveiros de empresa ou a aposta pola FP Dual, á que se lle vai dar un novo impulso nos vindeiros anos cun plan de dinamización específico.

Ata a xornada de mañá, na que pechará as súas portas a feira, as persoas que se acheguen ata o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura (onde se celebra o evento) poderán experimentar en primeira persoa coas novas tecnoloxías, participar nalgúns dos diferentes obradoiros sobre robótica aplicada, deseño e impresión 3D, experimentar con vehículos non tripulados ou con simulacións virtuais, e ver de cerca o traballo do alumnado de FP de Galicia en ámbitos como a electrónica, imaxe persoal, artes gráficas, téxtil, repostaría, técnicas culinarias ou coctelaría, entre outros.

O congreso completouse cunha xornada técnica celebrada onte e hoxe que incluíu relatorios de expertos e mesas de debate sobre o factor dinamizador da formación profesional na industria, o papel das mulleres na área STEM, a tecnoloxía 5G, o novo concepto de mobilidade, as novas tecnoloxías no sector marítimo-pesqueiro, ou os desafíos de compartir a vida con robots.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre