Inicio Galicia Carmen Pomar salienta que o modelo educativo inclusivo require dunha unión de...

Carmen Pomar salienta que o modelo educativo inclusivo require dunha unión de esforzos entre profesionais, alumnado e familias

0

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional participou nunhas xornadas sobre TDAH organizadas pola Asociación TDAH Comarca do Salnés

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou esta mañá nas xornadas do TDAH que baixo o lema A diversidade, punto de unión, punto de encontro organiza a Asociación TDAH Salnés coincidindo con Mes Europeo de Sensibilización do TDAH.

Na súa intervención a conselleira lembrou que en Galicia se está apostando por un modelo educativo inclusivo que implica “cambiar a práctica educativa para que todo o alumnado acade as metas no seu proceso de aprendizaxe”, e subliñou que o éxito deste proceso require dunha unión de esforzos entre os profesionais da educación, o alumnado e as propias familias.

Precisamente froito deste traballo de colaboración e consenso, foi posible poñer en marcha en Galicia o Protocolo de atención educativa ao alumnado con TDAH na infancia e na adolescencia co fin de ofrecer unha intervención integral no ámbito educativo e sanitario. Esta guía, xunto co Decreto de Atención á Diversidade e outros protocolos específicos para distintos colectivos son ferramentas imprescindibles que fomentan e potencian a colaboración coas familias e as entidades en prol da atención ao alumnado con necesidades educativas especiais.

Unha liña de traballo que se verá potenciada coa estratexia de inclusión EduInclusión 2020-2025, a través da cal a Consellería de Educación vai desenvolver un plan formativo específico para os especialistas na atención á diversidade, actualizar a normativa sobre atención á diversidade e impulsar a escolarización do alumnado de necesidades específicas de apoio educativo en centros ordinarios ou en escolarización combinada e o pulo á especialización dos centros de educación especial, entre outras accións.

Carmen Pomar agradeceu a organización de xornadas como a de hoxe, que contribúen a darlles visibilidade ás persoas con TDAH e coñecer máis a fondo as características que rodean os afectados e as súas familias; e sobre todo, “a falar de diversidade como punto de unión e de encontro”.

Na xornada participan diversas expertas e expertos do eido da Psicoloxía, da Pedagoxía e do Dereito, para afondar en distintos aspectos como o papel da educación, as dificultades na aprendizaxe e os desafíos neste campo, o tratamento do acoso, a mediación escolar, a intelixencia emocional, a dislexia ou o asesoramento xurídico.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre