Inicio Galicia Carmen Pomar reivindica o sistema educativo galego como modelo para o novo...

Carmen Pomar reivindica o sistema educativo galego como modelo para o novo Goberno do Estado

0

A conselleira anunciou que solicitará un encontro cos ministros competentes na materia para demandar unha ABAU equitativa, a mellora da formación e o acceso á profesión docente, e unha maior aposta pola inclusión


Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2019.- A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, reivindicou hoxe no Parlamento o sistema educativo galego como modelo de ensino para o novo Goberno central. A titular de Educación situou Galicia como referente no plurilingüísmo equilibrado nas aulas e na investigación científica e universitaria, e insistiu en que lle demandará ao Estado unha ABAU equitativa, a mellora da formación e o acceso á profesión docente e unha maior aposta pola inclusión.

Pomar fixou así a posición de Galicia de cara á que vén sendo a súa principal reivindicación desde que asumiu o cargo: a recuperación do pacto pola educación en España, no que se estaba a traballar ata a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno. “Galicia quere defender as súas singularidades e o seu modelo, ademais de asegurar o financiamento que merece”, sinalou. Nesta liña, avanzou que solicitará un encontro cos ministros competentes na materia para abordar estas cuestións en canto se constitúa o novo Goberno estatal.

Na comparecencia a petición propia para facer balance do curso que vén de rematar, Carmen Pomar salientou a normalidade coa que transcorreu o período lectivo no conxunto dos centros educativos de Galicia. “Tanto a actividade lectiva coma os servizos educativos cubriron a demanda e as necesidades con estándares acaídos”, indicou.

A conselleira sinalou a Galicia como “a comunidade autónoma que máis axuda ás familias a afrontar o curso escolar”. Segundo explicou, faino a través dun transporte escolar de balde para uns 90.000 alumnos e alumnas de 774 centros públicos, un comedor escolar baseado no pagamento por renda familiar (o pasado curso a Administración autonómica atendeu 61.500 usuarios nos 437 comedores xestionados pola Consellería) e a gratuidade solidaria para os libros de texto, con 135.757 alumnos beneficiados a través do fondo ou das axudas.

O incremento do plurilingüísmo, do ensino dixital e da inclusión, así como o impulso á Formación Profesional e a posta en marcha do Plan de Dinamización da FP Dual foron algúns dos avances deste curso abordados pola conselleira. Carmen Pomar referiuse tamén á mellora dos centros de ensino e destacou que só neste primeiro semestre do ano o volume de adxudicacións da Consellería ascende a 46 obras, vinculadas ao Plan de dotación de infraestruturas educativas 2016-2021 ou aos fondos do superávit, por importe de 47,3 millóns de euros.

Curso 2019-2020No que respecta ao vindeiro curso, 2019/20, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vai centrar os seus esforzos na inclusión e na orientación. Así, estase a definir a estratexia de inclusión, dirixida tanto a docentes como a familias e na que se enmarcan varios protocolos de atención educativa ao alumnado. Nesta liña, Carmen Pomar insistiu tamén en que se reforzarán o apoio aos centros na mellora dos seus plans de convivencia e a activación de medidas formativas de cooeducación, igualdade e loita contra a violencia de xénero.

A aposta pola orientación virá marcada polo Plan para a dinamización da orientación vocacional e profesional, con formación para o profesorado e para os equipos de orientación. Nesta liña, Carmen Pomar anunciou que o seu departamento traballa na dotación progresiva dun segundo orientador nos centros de ensino secundario con máis alumnado.

A Formación Profesional é outro dos eixes prioritarios de acción para o departamento educativo da Xunta, coa definición e execución da Estratexia galega de FP 2020-2030. O obxectivo é mellorar as competencias profesionais e de emprendemento, con especial atención á FP Dual, á internacionalización, á maior implicación do tecido empresarial e á promoción da innovación, entre outros aspectos. Neste sentido vai ter un papel fundamental o futuro Centro Galego de Innovación da FP, que comezará a construírse en Ourense en setembro e estará xa operativo en 2020.

UniversidadeNo eido universitario, a conselleira referiuse ao curso que vén de rematar como o da “estrea formal e executiva de dous documentos fundamentais para o Sistema Universitario de Galicia: a mellora do Mapa de titulacións e o Plan de excelencia universitaria”, impulsados desde a Consellería “para avanzar na mellora permanente e nun proceso de colaboración interuniversitaria único en España”, sinalou.

Así, ao abeiro destas iniciativas, implantáronse 5 novos graos (Biotecnoloxía, Criminoloxía e o interuniversitario Paisaxe na USC; Xestión industrial da Moda e o interuniversitario Paisaxe na UDC; e Enxeñaría Biomédica en Uvigo); ofertáronse catro graos con grupos en inglés e impulsáronse cursos de xestión estratéxica nos centros de investigación. A creación dos premios de excelencia académica ao alumnado de grao universitario oficial é outra das medidas de recoñecemento á excelencia, á que a Consellería destina 440.000 euros para dotar con 1000 euros os estudantes con mellores expedientes.

Salientou tamén o apoio que está a darlles a Xunta aos universitarios galegos, ao manter os prezos públicos de matrícula universitaria máis baixos de España e a concesión de axudas complementarias ás bolsas do Ministerio. “As distintas convocatorias de axudas da Consellería acadan anualmente os 1600 beneficiarios”.

O reforzo da investigación universitaria de Galicia é outro dos eixes fundamentais das políticas universitarias, segundo explicou Carmen Pomar. Nesta liña, referiuse ao compromiso do seu departamento cos case 500 mozos e mozas investigadoras que dispoñen dunha carreira formativa de ata 8 anos, con contratos asumidos integramente pola Administración autonómica, e aos 214 grupos de referencia competitiva e con potencial de crecemento, así como aos 5 centros singulares de investigación, 9 agrupacións estratéxicas consolidadas ou en formación e un María de Maeztu.

Canto ao curso universitario 2019/20, ademais de avanzar na implantación do Mapa de titulacións con 4 novos graos (Ciencia e Enxeñaría de Datos; Creación Dixital, Animación e Viodeoxogos; e Xestión Dixital de Información e Documentación na UDC e Robótica na USC), rexistrarase por primeira vez en moitos anos un incremento de prazas en nove graos cunha alta taxa de graduación e empregabilidade. “Froito destes axustes, autorizados tendo en conta o equilibrio da oferta no conxunto do SUG, agárdase que, por primeira vez en Galicia, a taxa de cobertura das prazas ofertadas supere o 90%”, destacou a conselleira.

Por outra banda, seguiranse dando pasos significativos no proceso de acreditación dos Campus de Especialización, pioneiro a nivel estatal e que, unha vez superado, lles garantirá aos campus durante tres anos os recursos incluídos no seu plan operativo, a través dun convenio coa Consellería. No vindeiro curso tamén se concretará a liña de financiamento estable dos centros de investigación para o período 2019-2022 e se potenciará a captación e retención de talento, con axudas á contratación de investigadores posdoutorais, baixo a modalidade de investigadores distinguidos. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre