Inicio Galicia Carmen Pomar pedirá á ministra Celaá estabilidade normativa e o financiamento que...

Carmen Pomar pedirá á ministra Celaá estabilidade normativa e o financiamento que o sistema educativo galego merece

0

Galicia continúa apostando polo Pacto Educativo e por un modelo de acceso á profesión docente semellante ao MIR

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, solicitará á ministra do ramo, Isabel Celaá, estabilidade normativa e o financiamento que o sistema educativo galego merece. Farao na reunión que ten previsto manter coa responsable do Ministerio de Educación y Formación Profesional neste mesmo mes de febreiro e que aínda está pendente de confirmación por parte do Goberno central.

Así o explicou a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia esta mañá no Parlamento, nunha resposta na que valorou os resultados de Galicia en PISA, onde explicou que “tras a parálise política vivida no Estado, estamos de novo ante meses que serán decisivos tanto na regulación do ensino non universitario como no que se refire ás universidades. Neste contexto, Galicia quere defender as súas singularidades e o seu modelo, ademais de asegurar o financiamento que merece”. De feito a Xunta e o Parlamento de Galicia acaban de fixar a ‘Axenda Galicia’ como as fundamentais demandas a trasladar ao Goberno central.

Carmen Pomar lembrou que Galicia “apoia a demanda social de estabilidade normativa en materia educativa , ao tempo que considera oportuno aproveitar o traballo feito no pasado no Congreso e acadar un Pacto pola Educación”. Así mesmo lembrou que desde Galicia se solicita desde hai tempo que se establezan fórmulas que garantan a igualdade de oportunidades no acceso á universidade no conxunto do Estado, unha cuestión que sinalou como prioritaria.

Outra das reivindicacións galegas que continúa sen definir tras o abandono por parte do PSOE do Pacto Educativo é o modelo de acceso á profesión docente. Neste sentido, Galicia aposta por un sistema semellante ao MIR, “que reforce a formación inicial do profesorado e apoie a función do colectivo como piar do sistema educativo”.

FinanciamentoPomar explicou ademais que vai solicitar á ministra que habilite o financiamento para o ensino galego, de acordo co previsto na Disposición final primeira da Lei 4/2019, de 7 de marzo, de mellora das condicións para o desempeño da docencia e a ensinanza no ámbito da educación non universitaria; “como paso previo a que se poida adoptar a decisión máis acaída respecto dos horarios do persoal docente”.

Así mesmo, lembraralle á ministra o acordo parlamentario sobre a necesidade de dar pasos para acometer a transferencia das competencias correspondentes á xestión das bolsas de axuda ao estudo, así como os recursos económicos correspondentes a elas.

Galicia, un referenteA conselleira destacou que “o ensino galego ten evolucionado na última década”. “Os resultados educativos avalan a lexítima reivindicación de Galicia de que o Estado ofreza estabilidade normativa, apoio aos proxectos innovadores e os fondos axeitados para garantir a calidade e a equidade do conxunto dos estudantes, dixo”.

A este respecto lembrou que os resultados do informe PISA 2018 confirman que Galicia reforza a tendencia de mellora continua na competencia científica e na competencia matemática e que o seu sistema educativo continúa por riba da media de España, da UE e da OCDE nestas dúas competencias.

De feito, desde o PISA de 2009, Galicia pasou do décimo ao quinto posto en competencia matemática (498 puntos) e do quinto ao primeiro posto en competencia científica (con 510 puntos). Deste xeito, o alumnado galego está ao nivel dos estudantes de EEUU, Corea, Alemaña, Países Baixos ou Reino Unido en competencia científica; mentres que, respecto da competencia matemática, está ao mesmo nivel de Alemaña, Suecia ou Finlandia.

Ademais, Galicia pechou o ano 2019 coa taxa de abandono educativo temperá máis baixa desde que existen rexistros, un 12,6 por cento, o que supón que Galicia reduciu á metade esta taxa nunha década“As políticas educativas impulsadas desde a Xunta na última década –dixo a conselleira–permitiron configurar un sistema educativo galego de calidade, plurilingüe, que pensa no alumando e no profesorado; ao tempo que adopta as novas tecnoloxías como ferramenta imprescindible na formación e na aprendizaxe de competencias”.

Neste sentido Carmen Pomar reivindicou o ensino galego como “un modelo educativo no que hai que afondar e que pode servir de referencia a outras partes do Estado”. “De feito, algunhas comunidades xa están a enviar técnicos para coñecer o funcionamento de iniciativas educativas que se están a desenvolver en Galicia”, sinalou.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre