Inicio Galicia Campo Lameiro recibirá a 10 voluntarios para realizar labores de conservación no...

Campo Lameiro recibirá a 10 voluntarios para realizar labores de conservación no seu parque arqueolóxico

0

A actividade terá lugar o 3 de decembro e poderán participar 10 voluntarios

A Consellería de Política Social pon en marcha unha campaña de promoción da acción voluntaria con motivo do Día Internacional do Voluntariado, que se celebrará o vindeiro 5 de decembro. No marco desta iniciativa, o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro recibirá a 10 voluntarios para realizar labores de conservación no seu parque etnográfico.

A primeira semana de decembro será a Semana do Voluntariado, polo que se programará unha acción voluntaria para cada día, vinculada a un ámbito concreto. Así, a nivel cultural, o martes 3 de decembro realizaranse labores de limpeza da área arqueolóxica de dito parque.

Cómpre resaltar que, para participar nesta actividade no municipio pontevedrés, o prazo de inscrición abrirase este luns 25 de novembro. As persoas que desexen participar deberán cubrir un formulario de solicitude dispoñible en www.voluntariagogalego.org.

Outras actividades pola semana do voluntariadoAsí mesmo, dentro do voluntariado social, o luns día 2 entregaranse os diplomas do curso de lingua de signos para persoas voluntarias que se está levando a cabo de xeito presencial no centro coordinador de información e documentación xuvenil de Santiago de Compostela. Cómpre resaltar que esta iniciativa forma parte dun dos obxectivos do protocolo asinado entre a Consellería de Política Social e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia para promover o voluntariado na atención ás persoas xordo-cegas.

No ámbito do voluntariado educativo, o colexio Carmelitas de Ourense expoñerá o mércores 4 todo o traballo que desenvolve no marco do programa Pasaporte Solidario, que por primeira vez este curso forma parte do Plan Proxecta, iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional dirixida a fomentar a innovación nos centros educativos que desenvolvan as competencias clave como eixo do currículo académico.

O propio día 5 terá lugar un encontro entre participantes galegos nos campos de voluntariado de Galicia, doutras comunidades e do estranxeiro, que se celebrará no auditorio do CGAC en Santiago de Compostela. Os campos de voluntariado enmárcanse na Campaña de Verán que todos os anos programa a Xunta de Galicia. Neste 2019 ofertáronse un total de 643 prazas, 40 máis con respecto a 2018, en 30 campos diferentes. A temática destas actividades abranguen a medioambiental, a etnográfica, a social, a arqueolóxica e a patrimonial. Todas comparten unha faceta dinamizadora e impulsora da zona onde se levan a cabo, así como o seu carácter internacional coa participación de xuventude doutras nacionalidades.

Por último, e para finalizar esta Semana do Voluntariado, a Consellería de Política Social programa unha actividade de voluntariado ambiental na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo desde o venres 6 ao domingo 8. Esta acción enmárcase no programa LEWO (Life Envergreen with Volunteer) da Comisión Europea, co que se facilita que as mozas e mozos galegos se impliquen en accións de voluntariado ambiental en diferentes en zonas da comunidade de gran valor natural. Para esta actividade abrirase o prazo de inscrición este luns 25 de novembro, que poderán inscribirse, de igual maneira que aquelas que queiran acudir á actividade de Campo Lameiro, no formulario de solicitude dispoñible en www.voluntariagogalego.org.

Autobús Engánchate ao voluntariadoAdemais, a partir deste martes un autobús percorrerá desde Ferrol as sete cidades e as principais vilas galegas achegando información sobre os programas que desenvolve o Goberno galego nesta materia. Baixo o lema Engánchate ao voluntariado, este autobús tamén achegará material vinculado a esta campaña para favorecer a captación de máis persoas voluntarias.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre