Inicio Galicia Black Eyed Peas, Iggy Pop, David Guetta, Die Antwoord e Rosalía protagonizarán...

Black Eyed Peas, Iggy Pop, David Guetta, Die Antwoord e Rosalía protagonizarán a segunda edición do festival 'O Son do Camiño?

0

O Monte do Gozo volverá acoller este evento musical que terá lugar os días 13, 14 e 15 de xuño e que contará cunha trintena de artistas de renome internacional, moitos dos cales actuarán en Galicia por primeira vez


Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presentou hoxe a segunda edición do festival O Son do Camiño, a gran cita musical coa que a Xunta de Galicia está a promover o Xacobeo 21 e que, un ano máis, congregará a artistas de primeiro nivel no Monte do Gozo. Este evento, que se celebrará os días 13, 14 e 15 de xuño, volverá situar a Galicia no panorama musical a nivel internacional con destacados artistas que, en moitos casos, visitan Galicia por primeira vez.

Tras o éxito acadado na primeira edición, con 84.000 asistentes, O Son do Camiño estará protagonizado este ano novamente por recoñecidos artistas e bandas de música de primeiro nivel como Black Eyed Peas, Iggy Pop, David Guetta, Die Antwoord, Rosalía, Bastille, Richard Ashcroft e Bloc Party, entre outros. Así o deron a coñecer en rolda de prensa na Cidade da Cultura as empresas organizadoras do festival, representadas por Carlos Rodríguez, de Esmerarte Industrias Creativas, e Iván Méndez, de Bring The Noise. Igualmente participou Víctor Mantiñán, responsable de patrocinios musicais de Estrella Galicia.

Román Rodríguez subliñou durante a súa intervención os sobresaíntes datos obtidos en 2018, cando se esgotaron os abonos para os tres días en só unhas horas. A celebración, lembrou o conselleiro, supuxo “un forte impacto social e económico” en toda Galicia e especialmente en Santiago de Compostela e a súa comarca. “O retorno económico cifrouse en máis de 12 millóns, unha cantidade moi superior a achega da Xunta como patrocinador”, explicou. “Este éxito traduciuse nun auditorio abarrotado e confirmou a revitalización do recinto do Monte do Gozo, afondando así na recuperación deste espazo”, declarou.83% de provedores galegosA Xunta mantén a súa aposta por un acontecemento estratéxico a nivel cultural e turístico e achegará, como patrocinador principal, 2,5 millóns de euros, 500.000 menos que en 2018. Trátase dunha contía, como se puxo de manifesto, moi inferior ao notable retorno e o impacto económico xerado, o que confirma a O Son do Camiño como un extraordinario vehículo de promoción que, ao mesmo tempo, incrementa a oferta musical de Galicia.

A súa celebración supón unha oportunidade económica para os profesionais da nosa Comunidade. O ano pasado o festival xerou 850 postos de traballo directos e indirectos. Ademais, o 83% dos provedores contratados para a celebración deste festival foron tamén galegos. O obxectivo, como expuxo o conselleiro, e consolidar e mellorar estas cifras, xerando así un efecto positivo e rexistrando un éxito de público e de crítica.

Xa en 2018 os establecementos de aloxamento acadaron un 100% de ocupación grazas á chegada de viaxeiros de todo o mundo. En concreto, un 10% dos asistentes ao festival procedían de fóra de España e un 43% chegaron doutras comunidades autonómas.

Entradas á venda o 27 de febreiroO cartel intégrano tamén Vetusta Morla, The Hives, Dimitri Vegas & Like Mike, W&W, Beret, Ayax y Prok, Graveyard, Royal Republic, Bad Gyal, Second, Varry Brava, Elyella, Full, Shinova, The Zombie Kids, Molina Molina, Kitai, Alice Wonder e Cariño.

Ademais, tamén nesta segunda edición haberá unha nutrida representación de grupos galegos como Igloo, Hard Gz, Iván Ferreiro, Familia Caamagno, Marem Ladson, Baiuca, O.

R.

T.

I.

G.

A., Moderm e Eme DJ. Deste xeito, das 36 actuacións que haberá no festival, o 25% serán de bandas ou cantantes galegos. Haberá igualmente unha ampla representación feminina, con dez concertos ao longo dos tres días de festival.

Os abonos poranse á venda a partir do vindeiro mércores 27 de febreiro, a partir das 12,00 horas, na web oficial do festival e en www.eventbrite.es, as canles autorizadas para iso. Sairán á venda cun prezo especial de lanzamento de 49 euros máis gastos de xestión.

O Son do Camiño contará con dous escenarios, área de restauración, zona VIP e zona de descanso. As reservas deste servizo, que contará con duchas, cafetería, consigna, seguridade ou puntos de recarga de dispositivos móbiles, activarase nos próximos días.

Máis axudas para festivaisComo salientou o conselleiro, buscar sinerxías entre música e turismo é unha liña de traballo estratéxica para a Xunta. “Proba disto –expuxo– é a creación de FEST Galicia, unha marca que promove Galicia como destino musical, baixo criterios de calidade e sustentabilidade social”. Román Rodríguez avanzou ao respecto que o Goberno galego reforzará durante 2018 esta aposta e incrementará “sensiblemente a dotación económica para apoiar tanto a marca FEST Galicia como o resto de festivais que se celebran na Comunidade”.

Premios na primeira ediciónA organización da primeira edición dun festival da dimensión de O Son do Camiño supuxo todo un reto para os organizadores, os distintos equipos de traballo e a Xunta de Galicia, como principal patrocinador. O labor levado a cabo por todos propiciou que o festival fora recoñecido nos Premios Fest ao Festival Revelación 2018, certame no que logrou cinco nomeamentos. Ademais, acadou varios máis nos European Festival Awards e nos Iberian Festival Awards 2018, cuxos gañadores aínda non se coñecen.

Esta cita, na que Xunta de Galicia colabora a través dun modelo de colaboración público-privada habitual neste tipo de eventos, contribuirá a promover a imaxe de Galicia no ámbito internacional na antesala da celebración do Xacobeo 21 a través dun dos seus principais activos turísticos e culturais: o Camiño de Santiago. Paralelamente, será unha oportunidade para difundir os valores e o talento local e reforzar o tecido empresarial galego, así como para fomentar unha programación cultural de maneira conxunta e coordinada.

O Son do Camiño é unha iniciativa da U.

T.

E. formada polas empresas galegas Old Navy Port Producciones, S.

L. e Esmerarte Industrias Creativas, S.

L., patrocinada pola Xunta de Galicia e coa colaboración de Estrella Galicia. Trátase dun festival sustentable e respectuoso co medio ambiente, adaptado aos recursos sociais, económico e ambientais dispoñibles.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre