Inicio Galicia Balseiro subliña os 'avances decisivos' do Camiño Primitivo nesta década e insta...

Balseiro subliña os 'avances decisivos' do Camiño Primitivo nesta década e insta a facer do Xacobeo 2021 'outro punto de inflexión'

0

O delegado territorial da Xunta participou na inauguración das xornadas “Lugo, centro do Camiño Primitivo”, que contan cunha achega de 20.000 euros da Consellería de Cultura e Turismo


O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou hoxe que o Camiño Primitivo experimentou “avances decisivos durante a presente década, e agora debemos continuar coa vista posta no seguinte reto, o Xacobeo 2021, que ten que ser outro punto de inflexión para esta ruta”.

Balseiro realizou estas declaracións durante o acto de inauguración das xornadas “Lugo, centro do Camiño Primitivo”, organizadas pola Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías da Información e Comunicación (AGESTIC) e que contan cunha achega de 20.000 euros da Consellería de Cultura e Turismo a través do programa O teu Xacobeo. Desenvólvense hoxe e mañá na Casa do Saber, a sede do Vicerreitorado do Campus de Lugo.

O delegado expuxo os datos da Oficina do Peregrino -que depende da Catedral de Santiago- que revelan que entre o ano 2014 e o 2018 o número de peregrinos que elixiu o Camiño Primitivo medrou en case un 82%, pasando de 8.275 a 15.038. “A espoleta, o detonante que mudou por completo a situación previa, foi a declaración da ruta como Patrimonio da Humanidade en xullo do 2015”, afirmou.

Para poder chegar a esa declaración, engadiu, “foi preciso un traballo exhaustivo e rigoroso da Xunta de Galicia, recadando estudos sobre numerosos aspectos xeográficos, históricos e culturais que culminaron na delimitación do trazado oficial aprobado no ano 2012”.

Balseiro instou a “traballar todos xuntos” para continuar nesta liña ascendente, e explicou que a iniciativa O teu xacobeo responde a esta idea de “abrir vías de participación, para que todo o territorio perciba a proximidade do Ano Santo e desenvolva fórmulas que permitan aproveitar o seu potencial, empezando dende xa mesmo”.

Ao respecto, sinalou que a resposta en Lugo a esta convocatoria “foi extraordinaria” e tradúcese en máis de medio cento de accións organizadas por entidades de Lugo e outras tantas itinerantes por toda Galicia, a realizar durante os vindeiros meses.

Programa das xornadasAs xornadas deron comezo esta tarde cun debate sobre diversos aspectos do Camiño no que participaron María José Gómez, xefa territorial da Consellería de Cultura e Turismo en Lugo; Ángel Trabada, presidente da Asociación de Amigos do Camiño en Lugo; José Manuel Carballo, vicepresidente da Federación de Veciños "Lucus Augusti"; Luis Latorre, presidente de Lugo Monumental, o historiador Adolfo De Abel Vilela, o guía turístico Guido Álvarez, e arquitecta Emma Noriega.

Continuarán mañá con dúas mesas de debate. A primeira, a partir das 10.30 horas, sobre “Patrimonio e cultura no Camiño”, e a segunda, dende as 12.30 horas, sobre “O Camiño tecnolóxico, económico e social”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre