Inicio Galicia Balseiro salienta que a Xunta aposta polo turismo activo como valor engadido...

Balseiro salienta que a Xunta aposta polo turismo activo como valor engadido para a oferta da comarca da Mariña

0

O delegado territorial da Administración autonómica visitou hoxe en Viveiro un parque de aventuras ao aire libre pioneiro na provincia de Lugo, que contou co apoio do Igape para a súa posta en marcha


O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, salientou este mércores que a Administración autonómica “aposta polo turismo activo como valor engadido para a oferta da comarca da Mariña”, no transcurso dunha visita ao parque de aventuras Roq Park de Viveiro, unha iniciativa innovadora que contou co apoio do goberno galego para a súa posta en marcha.

O novo espazo de lecer está emprazado nunha contorna natural próxima á área recreativa de San Roque e é o primeiro parque de aventuras ao aire libre que está en marcha na provincia de Lugo.

O proxecto naceu froito da colaboración dunha empresa local dedicada a actividades deportivas e de multiaventura e a comunidade de montes de San Roque. Segundo apuntou Balseiro, contou co respaldo do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aporta 65.000 euros a través da liña axudas do programa Galicia Rural Emprende.

A convocatoria destas achegas é anual, polo que o delegado animou a todas as persoas emprendedoras ou con intención de ampliar o seu negocio a informarse na Xunta. Son subvencionables os proxectos dirixidos á creación de emprego nas zonas rurais mediante axudas á primeira implantación e desenvolvemento de novas actividades económicas non agrarias. As axudas poden ser de entre 20.000 e 70.000 euros, segundo diversos factores e a contía do investimento realizado.

O novo parque de turismo activo abrirá as súas portas ao público en xeral en poucas semanas. Polo momento, recibe a grupos previa reserva, como aconteceu esta mañá con estudantes do colexio Vista Alegre de Burela. Os visitantes poderán participar en circuítos entre as árbores con pasarelas e tirolesas, dúas delas cunha altura de entre 95 e 115 metros. As actividades están dirixidas a maiores e pequenos.

Balseiro gabou a iniciativa e salientou que representa un bo exemplo dos obxectivos do programa de axudas impulsado polo Igape, que busca apoiar aos emprendedores e emprendedoras “como axentes dinamizadores das economías locais”.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre