Inicio Galicia Balseiro destaca a importancia da industria de transformación para engadir valor...

Balseiro destaca a importancia da industria de transformación para engadir valor aos produtos agroalimentarios lucenses

0

O delegado territorial da Xunta gabou a expansión de Cárnicas Castelao, que nos últimos anos obtivo apoios por 400.000 euros da Consellería do Medio Rural para proxectos de ampliación e modernización


O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou que a industria agroalimentaria “ten carácter estratéxico en Lugo por ser un elemento clave para o desenvolvemento do sector agrario, dando valor engadido ás producións e facilitando o seu acceso aos mercados”.

Balseiro realizou estas declaracións no marco dunha visita á empresa Cárnicas Castelao, na Fonsagrada, da que dixo que “é un bo exemplo da importancia que este tipo de industrias teñen na creación de postos de traballo e no impulso do tecido económico das zonas rurais”. Neste sentido, subliñou que esta é a segunda empresa do municipio por volume de facturación e de postos de traballo, contando na actualidade con 36 traballadores. O delegado comprobou o resultado dos proxectos de ampliación e modernización levados a cabo nos últimos anos pola empresa, para os que obtivo apoios por importe de 403.000 euros da Consellería do Medio Rural.

A empresa cárnica ampliou recentemente as instalacións, para o que tivo que adquirir o terreo, facer obras de infraestrutura e incorporar nova maquinaria. En total, nos últimos anos realizou un investimento de máis de 1,2 millóns de euros neste proxecto e noutras melloras como a instalación dun secadoiro, adquisición e acondicionamento de vehículos e incorporación de diverso equipamento.

A Consellería do Medio Rural asumiu máis da terceira parte deste investimento subvencionable (o 31,5%) a través da orde de axudas para empresas de transformación e comercialización de produtos agrarios.

Balseiro explicou que este programa responde ao interese da Xunta por establecer medidas de apoio aos investimentos que teñan un beneficio directo para os produtores agrarios, así como aos que teñan por obxecto favorecer o desenvolvemento de zonas de montaña ou con problemas de despoboamento. Cárnicas Castelao é unha empresa familiar fundada no ano 1999, que aproveita a tradición e as condicións da montaña luguesa para a elaboración de produtos cárnicos de calidade derivados do porco. A ampliación e as melloras introducidas nos últimos anos permitíronlle ampliar a oferta de produtos. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre