Inicio Galicia Balseiro clausura o obradoiro dual de emprego que formou a 20 traballadores...

Balseiro clausura o obradoiro dual de emprego que formou a 20 traballadores desempregados en Carballedo e Chantada

0

O delegado territorial da Xunta en Lugo explicou que se investiron 317.000 euros na iniciativa, que combina nove meses de formación remunerada coa posibilidade de tres máis de contrato en empresas para 11 participantes


O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, clausurou hoxe o obradoiro dual de emprego Serra do Faro IV, que compartiron os concellos de Carballedo e Chantada e que a Consellería de Economía, Emprego e Industria financia con 317.500 euros.

Balseiro participou na entrega de diplomas aos 20 participantes que remataron os nove meses de formación remunerada. O delegado lembrou que se trata dun obradoiro dual, polo que a Xunta ofrece a posibilidade de subvencionar a contratación durante tres meses máis de 11 dos alumnos traballadores en empresas locais.

O obradoiro formou a doce persoas participantes nas especialidades de ‘Pavimentos e albanelaría de urbanización’ e a oito alumnos en traballos de xardinería e conservación e mellora de montes.

A iniciativa serviu para levar a cabo diversas actuacións de utilidade en ambos municipios. Entre as labores desenvolvidas figura o acondicionamento da área recreativa da Barrela, en Carballedo. En Chantada, o obradoiro traballou no mantemento de xardíns e do viveiro municipal; na conservación do monte San Lucas e na rexeneración das beirarrúas e das zonas verdes da Avenida de Monforte.

Balseiro lembrou que o obxectivo prioritario dos obradoiros é “reorientar a traxectoria profesional dos participantes cara a áreas con boas perspectivas de integración no mercado laboral”, ao tempo que contribúen a reforzar os servizos e as dotacións dos concellos, executando traballos que doutro xeito terían que asumir as arcas municipais.

Nos últimos meses desenvolvéronse na provincia 20 obradoiros de emprego, que involucraron a 50 concellos, supuxeron un investimento da Xunta de 5,5 millóns de euros e sumaron 472 contratacións.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre