Inicio Galicia Axenda Galicia: Demandas prioritarias da Comunidade Autónoma para o Goberno de España

Axenda Galicia: Demandas prioritarias da Comunidade Autónoma para o Goberno de España

0

Galicia, intereses permanentesGalicia é hoxe un modelo de centralidade política. Unha centralidade que ten unha dobre faciana: lealdade e esixencia. Lealdade plena a todas as institucións do Estado, por riba da súa cor partidaria, e esixencia de todo aquilo que en xustiza precisa a cidadanía galega. O autogoberno implica compromiso coa España constitucional e autonómica, e defensa dos intereses galegos nos diferentes ámbitos administrativos.

A Autonomía galega non está contra o Estado como lamentablemente se ve noutras partes de España. É e séntese parte fundamental do Estado e, como tal, debe propoñer as súas demandas e reclamar o cumprimento de compromisos adquiridos. A Xunta de Galicia entende que é o momento oportuno para facelo.

En primeiro lugar, a política española sofre unha situación de bloqueo que está afectando a decisións fundamentais para o correcto funcionamento do Estado das Autonomías, co prexuízo conseguinte para Galicia. En segundo termo, encamiñámonos a unhas novas eleccións nas que se corre o risco de que a atención se desvíe de asuntos que afectan á vida da xente para centrarse noutros de menor relevancia. Por último, o desafío permanente e desleal do independentismo pode facer que o Goberno entrante descoide a xestión de cuestións galegas que requiren respostas urxentes dende a administración central.

A Xunta considera que Galicia é unha cuestión de Estado. De aí que esta Axenda Galicia estea destinada ao próximo Goberno de España, con independencia de cal sexa a súa configuración e de quen asuma o seu liderado. Os intereses galegos son permanentes, afectan ao ben común, atinxen ao presente e o futuro do noso país, e non poden depender da orientación partidaria que teña o Executivo.

Con determinación, coa Constitución e o Estatuto de Autonomía como respaldo, e o aval de necesidades obxectivas, a Xunta propón unha relación detallada de prioridades cuxa satisfacción non depende da xenerosidade ocasional senón da boa xestión dos asuntos públicos e das prioridades. A ela apelamos para que o próximo Goberno lles dea resposta, coa lealdade e a esixencia que definen a centralidade política de Galicia.

UN FINANCIAMENTO XUSTO1. Pago da débeda pendente con GaliciaGalicia, ao igual que o resto das comunidades autónomas, leva máis dun ano agardando que se aboe completamente a débeda de 700 M€ que o Goberno central asumiu por diversos conceptos financeiros. O Consejo de Ministros aprobou o pasado 11 de outubro o pago das entregas a conta (330 M€), pero é preciso axilizar o seu ingreso para non comprometer os servizos públicos que presta a Comunidade. A maiores, segue pendente o pago dunha mensualidade do IVE correspondente a 2017 (200 M€), así como as compensacións ás comunidades cumpridoras como Galicia (170 M€).2. Novo sistema de financiación autonómica Esta necesidade foi aprazada a nivel nacional desde hai varios anos, pero cómpre acometela de forma urxente na próxima lexislatura nacional. É imprescindible consensuar un modelo que supere a idea do reparto por territorios e garanta un financiamento igualitario a cada un dos cidadáns españois. Para iso, a cesta de recursos debe repartirse en base a necesidades obxectivas de gasto de cada territorio e non á súa capacidade fiscal.

No caso específico de Galicia, considérase preciso ponderar en maior medida o envellecemento e a dispersión da poboación, que teñen un efecto directo no custo de prestación dos servizos públicos. Ademais, débese cumprir o acordo alcanzado na Conferencia de Presidentes de xaneiro de 2017, referido a que o sistema de financiamento autonómico inclúa unha peza separada para a Sanidade Pública, dado o impacto que esta área ten ao supoñer arredor da metade dos presupostos das comunidades.3. Estratexia nacional fronte ao reto demográficoA vacante dos últimos seis meses no Alto Comisionado fronte ao reto demográfico está a retrasar a redacción dunha Estratexia nacional fronte ao reto demográfico. A única aprobación dunhas liñas xerais, sen contido nin dotación orzamentaria, é insuficiente para acometer un dos principais problemas que condiciona o futuro de Galicia, como do resto das comunidades. Por iso, considérase necesario que esta Estratexia sexa asunto prioritario do Goberno de España.

Derivado do anterior, é preciso que se teñan en conta as características demográficas á hora de asignar fondos ou de aprobar novas medidas xa que elementos como o envellecemento da poboación e a baixa natalidade condicionan a práctica totalidade das actuacións.4. Defensa dos intereses galegos no marco das relacións coa UE: Brexit e Fondos de CohesiónNa actualidade, hai negociacións en marcha no seo da Unión Europea nas que está en xogo o futuro de moitos cidadáns e empresas galegas. En primeiro lugar, é de vital importancia que o Goberno central e as comunidades sigamos defendendo conxuntamente os intereses afectados polo Brexit, con especial atención ao sector pesqueiro. A comisión de seguimento debe manterse activa ata que se complete a saída da UE do Reino Unido para que os plans de continxencia respondan ás necesidades do tecido laboral e industrial.

Por outra banda, ante o novo escenario financeiro da UE para o período 2021-2027, Galicia precisa que a asignación procedente dos Fondos de Cohesión non se vexa diminuída de forma abrupta. Para conseguilo, desde a Xunta de Galicia xa se trasladou esta demanda ás autoridades europeas e, de feito, a Comisión Europea recoñece esta situación excepcional, común a outras rexións europeas. En todo caso, é necesario que o Goberno central defenda esta cuestión nas futuras negociacións e logre un trato compensatorio para as comunidades que, como Galicia, se ven afectadas por esta situación.

IMPULSO ÁS INFRAESTRUTURAS PENDENTES5. AVE e outras demandas ferroviarias Galicia leva moito tempo agardando pola alta velocidade ferroviaria e soportando sucesivos atrasos nunha infraestrutura que outras comunidades desfrutan desde hai décadas. O último seguimento feito polos técnicos da Xunta revela que os galegos teremos que asumir unha nova dilación, toda vez que ven inviable o remate das obras previsto para este ano 2019. Ante esta situación, mantense a demanda de que todo o relacionado co AVE a Galicia se aborde coa máxima transparencia e rigor informativo, e se clarifique o calendario en todas as cuestións seguintes:- Conexión a Madrid, que debe estar en servizo en todos os seus tramos e a disposición a venda de billetes antes do próximo Xacobeo 2021. Dotación a esta liña ferroviaria dos trens de ancho variable de última xeración, que permitan un aproveitamento óptimo da infraestrutura en canto a velocidades e frecuencias.- Planificación e execución da conexión de AVE a Lugo no horizonte de 2021, incluíndo tanto a electrificación da vía como as variantes de trazado para que a cidade estea conectada con Madrid en 4 horas.- Execución, tamén conforme a un cronograma claro, das obras planificadas nas estacións ferroviarias de Galicia, adaptándoas á chegada da alta velocidade e ao programa de intermodalidade.-Execución da Variante exterior en Ourense.- Axilización dos prazos de tramitación previstos para o impulso do AVE a Vigo por Cerdedo.- Planificación completa de obras e investimentos de modernización das conexións ferroviarias de Galicia, aproveitando a oportunidade da inclusión da Comunidade no trazado do Corredor Atlántico Europeo. Concretamente: a execución a saída sur de Vigo e conexión con Porto,a renovación da conexión A Coruña-Ferrol,a renovación Ferrol-Ribadeo,a renovación da Coruña-Lugo-Monforte,  e as conexións ferroviarias coas principais plataformas loxísticas e cos portos de interese xeral do Estado.-Reforzo dos servizos de viaxeiros, competencia do estado, coa vista posta no Xacobeo 2021, singularmente na liña Ourense-Santiago-A Coruña-Vigo; e mellora da política tarifaria a través do abaratamento do prezo dos billetes e flexibilización do sistema de bonos no ferrocarril.- Integración dos principais servizos ferroviarios da Comunidade no sistema do Transporte Metropolitano, coa fin de ofrecerlles aos cidadáns as vantaxes dun sistema de pago único de transporte público que bonifique os billetes e incentive o seu uso, especialmente entre a mocidade.-Elaboración e desenvolvemento dunha planificación sobre o ancho de vía no conxunto da rede ferroviaria destinada a garantir que a rede ferroviaria galega e, por extensión do noroeste español, sexa competitiva, tanto a nivel de transporte de mercadorías como de pasaxeiros.- Estratexia para a adaptación da xestión aeroportuaria de cara ao impacto da chegada do AVE a Galicia.6. Necesidades en materia de estradas -Execución das obras para mellorar a funcionalidade e conectividade da AP-9 con cargo aos orzamentos do Estado: enlace Orbital e Orbitaliño, nó de Bombeiros en Pontevedra; vial 18 ou Alfonso Molina, entre outras.- Plan de bonificacións para usuarios frecuentes e en horarios de menor tráfico para a AP-9 e a AP-53.-Axilización das obras da Autovía Lugo-Santiago co fin de garantir a súa plena entrada en servizo no Xacobeo 2021.- Impulso á execución da Variante de Ourense e do resto da Autovía Ourense-Lugo.- Impulso á execución da nova Autovía Vigo-O Porriño.- Impulso á execución da Autovía da Mariña.- Integración do treito A Coruña-Arteixo da AG-55 na rede de estradas do Estado, configurando un itinerario continuo e libre de peaxe de acceso ao Porto Exterior da Coruña.-Posta en marcha das medidas que permitan solucionar de forma definitiva os problemas ocasionados pola néboa na A-8.- Impulso á Variante de Ponteareas, unha vez que o Goberno central declarou que sería unha actuación da súa competencia.- Avances para a conversión da AP-9 en Vigo nun treito máis urbano.- Execución das obras que permitirán integrar a FE-14 en Ferrol.-Impulso da circunvalación de Pontevedra procurando o máximo consenso social no trazado das seguintes fases.- Impulso, en colaboración do Goberno de Portugal, dunha nova conexión internacional por autovía que facilite o acceso da poboación do norte luso á liña do AVE Madrid-Galicia a través da Gudiña.- Aprobación e impulso dun programa de eliminación de todos os treitos de concentración de accidentes identificados na rede estatal de estradas.-Transferencia a Galicia da titularidade da AP-9, dotada dos recursos necesarios para a súa xestión e para a execución de todas as obras planificadas no seu trazado, así como para cumprir o compromiso de liberación da peaxe de Redondela, evitar novas subas de tarifas extraordinarias asociadas ás obras e implementar un plan de bonificacións para usuarios frecuentes e horas de menor tráfico.7. Investimentos necesarios en materia de augas- Implicación no saneamento integral das rías e ríos galegos co impulso, execución e financiamento das obras hidráulicas declaradas de interese xeral do Estado, tales como a nova depuradora de Santiago de Compostela, o saneamento de Raxó en Poio ou na Illa de Arousa.- Implicación, a través das correspondentes Confederacións Hidrográficas no apoio aos concellos do seu respectivos ámbitos territoriais nas súas necesidades de asistencia para o correcto exercicio das súas competencias en abastecemento e saneamento de auga.- Implicación, a través das correspondentes Confederacións Hidrográficas no apoio aos concellos do seu respectivos ámbitos territoriais na necesidade de actuación para minimizar o risco de inundacións no novo contexto de cambio climático.- Execución do proxecto comprometido da dragaxe da Ría do Burgo como proxecto de rexeneración do litoral complementario aos proxectos de saneamento das augas executados pola Xunta.- Axilización da elaboración do estudo de alternativas acordado coa Xunta e co Concello de Vigo para solucionar os problemas estruturais do sistema de abastecemento da cidade e de toda a área sur da provincia de Pontevedra, declarando esta actuación de Interese Xeral do Estado en Galicia.8. Condonación débeda infraestruturas portuarias.

Solicítase ao Goberno de España igualdade de trato e consideración ás diferentes autoridades portuarias galegas en relación á de Valencia, no relativo ao financiamento e asunción das débedas contraídas pola acometida de infraestruturas necesarias para a súa operatividade e competitividade.

APOIO AOS SECTORES PRODUTIVOS9. Prezo da enerxía viable para as industrias electrointensivasO tecido industrial vinculado ao ámbito enerxético require que canto antes se poñan en marcha medidas que favorezan un prezo eléctrico estable. O incremento nun 50% nos últimos dous anos impide a este tipo de industrias competir en igualdade de condicións co resto de Europa. No caso de Galicia, isto pon en risco arredor de 5.000 empregos e, no caso específico de Alcoa San Cibrao, disto depende que a empresa peche ou non a curto prazo, coas consecuencias que isto tería para a economía da Mariña lucense e de toda a provincia en xeral.

A única medida adoptada ata o momento (compensacións de CO2) é claramente insuficiente. Por iso, urxe a aprobación dun Estatuto para os consumidores electrointensivos que permita rebaixar o prezo do MW ata os 35–40 euros, polo que estas industrias levan agardando desde hai un ano e do nin tan sequera se coñece un borrador. Ante esta situación, a Xunta elaborou unha proposta que ten enviado aos partidos políticos a nivel nacional co obxectivo de que o próximo Goberno de España poida proceder á súa aprobación practicamente de forma inmediata.10. Transición enerxética xustaGalicia defende abordar unha transición ordenada no eido enerxético, en lugar de adoptar medidas abruptas que traian consigo consecuencias irreversibles a nivel laboral e industrial. De xeito específico, é preciso tomar medidas para evitar o peche da central térmica das Pontes, facer posible a súa reactivación e buscar alternativas que permitan á planta seguir sendo competitiva e manter os postos de traballo de 750 familias.

Algunhas das propostas son a eliminación do imposto ao carbón (como se fixo co gas) e outras medidas fiscais, a creación dunha mesa de traballo que aborde a evolución enerxética da planta, a aprobación da Estratexia de Transición Xusta 2019-2021, a activación do convenio con Galicia que o Goberno xa ten avanzado con outras comunidades (Asturias, Castela e León, e Aragón), e a inclusión de Galicia na Plataforma Europea de Rexións Mineiras en Transición, que permitiría á nosa Comunidade acceder a fondos europeos destinados a mitigar o impacto da reestruturación enerxética.

Por outra banda, o próximo Goberno de España debe implicarse na busca dunha alternativa industrial ao peche da térmica de Meirama xa que, ata agora, descoñécense os proxectos que se levarán a cabo na comarca para paliar o desmantelamento industrial e laboral que supón o final desta central.11. Actividade no dominio público marítimo terrestre As incertezas xeradas ao respecto do regulamento da Lei de Costas ten consecuencias moi negativas xa que afecta de xeito integral ou parcial a case 5.000 edificacións que se atopan nos 2.500 quilómetros de costa galega. A proposta de modificación respecto á interpretación que se viña facendo contraveñen o previsto na Lei 2/2013, do 29 de maio, para as concesións de ocupación de dominio público marítimo-terrestre, ao pretender que o prazo concesional extraordinario establecido en 75 anos se contabilice desde a data inicial da concesión, e non desde a tramitación da renovación.

Cómpre reverter esta cuestión xa que tería consecuencias moi prexudiciais en sectores económicos clave para Galicia. No sector pesqueiro, afecta a máis 100 empresas vinculadas á cadea mar-industria (depuradoras, cetáreas, fábricas de conservas…). No sector forestal, compromete o futuro de Ence e das 80.000 familias que viven da madeira nesta Comunidade. A maiores, tamén ten efectos en diversos servizos públicos xa que cuestiona a legalidade de depuradoras, colexios ou escolas infantís, por poñer algúns exemplos.

Por outra banda, solicítase que se modifique a normativa básica estatal en materia de costas para permitir a autorización de usos en construcións tradicionais preexistentes á Lei 22/1988 de Costas, en calquera ámbito do noso litoral ou, cando menos, dentro da zona de servidume de protección, por suposto sen permitir en absoluto a construción de novas edificacións para eses usos. O que se persegue é evitar que se siga ocupando o territorio e aumentando a dispersión poboacional, tendo en conta que Galicia goza dun valiosísimo patrimonio construído por todo o litoral, cunha ocupación tradicional que en nada ten desvirtuado a protección do dominio público marítimo terrestre.12. Poxas de enerxías renovablesGalicia está a facer un gran esforzo no impulso das enerxías renovables, especialmente da eólica (coa redución dos prazos de tramitación á metade a través da declaración dos proxectos eólicos de especial interese). Deste xeito, prevese a posta en funcionamento dunha vintena de parques antes de final de ano, chegando así aos 4.000MW de eólica instalada en Galicia (8.000MW se suman todas de enerxías renovables). Para continuar por esta senda e lograr unha Galicia máis verde, é preciso a colaboración do resto de administracións: no caso do Goberno central, a través da convocatoria de novas poxas de renovables.13. Defensa do sector da automoción e subestación eléctrica de BalaídosAs dúbidas xeradas nos últimos meses ao respecto do futuro do diésel en España están tendo efectos negativos para o sector da automoción, que en Galicia ten un peso fundamental. A incerteza nos consumidores traduciuse nunha redución nas vendas que ascende ao 15,5% no acumulado de xaneiro-setembro). Por iso, cómpre trasladar mensaxes claras e prudentes para non comprometer esta área estratéxica. Promover un sector sustentable é compatible con que non se restrinxa ningunha tecnoloxía. A maiores, considérase necesario non incrementar a fiscalidade sobre o diésel nun momento de desaceleración na compra de vehículos.

Tamén vinculado ao sector da automoción, é imprescindible que o próximo Goberno de España cumpra o compromiso de conectar Vigo á rede de transporte de 220kV, unha demanda que foi incluída na planificación de Rede Eléctrica Española (REE) en vigor pero que non chegou a materializarse. A construción da nova subestación eléctrica en Balaídos é fundamental para a competitividade da industria da automoción, ademais de para ofrecer tamén un servizo de calidade aos fogares de Vigo.14. Navantia: novos contratos e estaleiro 4.0Na actualidade, existe un baleiro de actividade en Navantia Ferrol, derivado de retrasar durante dez meses a formalización do contrato das fragatas F-110 así como da decisión de restar carga de traballo en favor das instalacións que a empresa pública ten en Andalucía. De non resolverse esta situación, non haberá carga de traballo no estaleiro ferrolá ata 2022, data prevista para o corte de chapa das fragatas. De feito, nas empresas auxiliares xa empezaron os despidos por falta de carga de traballo.

Por iso, o próximo Goberno de España debe garantir carga de traballo para os 2-3 próximos anos e cumprir o compromiso de adxudicar un buque de aprovisionamento para a Armada española que sirva de barco-ponte nese período baleiro.

Igualmente, cómpre impulsar o estaleiro 4.0, infraestrutura fundamental para lograr que as instalacións de Navantia en Ferrol sexan competitivas no futuro. Non promover a innovación e as novas tecnoloxías suporá partir dunha situación de desvantaxe con respecto a outros estaleiros cos que compite Navantia Ferrol para a adxudicación de novos pedidos.15. Sector pesqueiroEn canto a este sector, Galicia demanda desde hai meses que o Estado promova o cambios necesarios para evitar que a aplicación do artigo 10 do regulamento do Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro (FEMP) obrigue a inadmitir as solicitudes de axudas das confrarías para vixilancia ou asistencia técnica, entre outras, por pequenas infraccións que están catalogadas como pesca ilegal e que impiden a concesión de axudas ao abeiro do FEMP. Trátase de infraccións menores que, ao levar aparellada a inadmisión das solicitudes de achegas, se converten nun importante problema económico para as confrarías e que supoñen un importante prexuízo para o desenvolvemento da súa actividade.

Por outra banda, tamén é razoable a petición do sector pesqueiro de que se teña en consideración a especialidade do traballo no mar para impedir que a aplicación da normativa estatal sobre o control de horarios de traballo dificulte burocraticamente a actividade. O sector marítimo-pesqueiro é moi complexo de regular polas súas peculiaridades e por iso mesmo está exento doutras normativas, que tamén parece viable neste caso.

MELLORA DOS SERVIZOS PÚBLICOS16. Educación Pública máis equitativa Galicia apoia de forma rotunda a necesidade de que a próxima lexislatura nacional sirva para materializar un Pacto pola Educación que garanta estabilidade ás próximas xeracións e impida que se vexan sometidos a cambios normativos permanentes.

Neste contexto, considérase que un dos obxectivos prioritarios e urxentes é lograr que o modelo sexa máis equitativo. De xeito concreto, proponse que se establezan fórmulas no menor prazo posible para a coordinación entre as comisións encargadas de elaborar as probas de acceso á Universidade, co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades no conxunto do Estado. A este fin tamén pode contribuír que se aprobe un modelo de acceso á profesión docente semellante ao MIR que reforce o profesorado como piar do sistema educativo.17. Sanidade Pública: máis profesionais Máis alá da necesidade de abordar de forma completa a viabilidade da Sanidade Pública para o futuro, é convinte que o próximo Goberno de España dea resposta a dúas cuestións prioritarias. En primeiro lugar, precísase a adopción de medidas para paliar a escaseza de profesionais en prazas de difícil cobertura ou especialidades deficitarias, como por exemplo Medicina de Familia ou Pediatría. Algunhas delas, foron acordadas no Consejo Interterritorial en abril de 2018, pero están pendentes de materializarse.

Por exemplo, reclámase eliminar a taxa de reposición de efectivos nas ofertas públicas de emprego, ou a modificación do RD 1146/2006, de 6 de outubro, polo que se regula a relación laboral especial de residencia para a formación de especialistas en Ciencias da Saúde. Igualmente, tamén se considera necesario impulsar unha norma que axilice o procedemento de acreditación de unidades docentes para a Formación Sanitaria Especializada de forma que permita aumentar a oferta de prazas de formación de especialistas.

Co mesmo obxectivo, proponse restablecer o modelo de formación sanitaria especializada (troncalidade), sobre todo en canto a determinadas especialidades que estaba previsto ampliar ou fusionar, así como dotarse dos medios necesarios para reducir os prazos de tramitación e resolución dos expedientes de homologación de títulos de especialista extracomunitarios. A maiores, reclámase analizar os criterios establecidos na normativa de incompatibilidades do persoal médico ao servizo dos centros e institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde, e poñer en marcha un Rexistro Estatal de Profesionais sanitarios para realizar, en base aos seus datos, un estudio de necesidades de especialistas, que xa estaba previsto para finais do ano 2018.18. Dependencia: cumprimento do cofinanciamento do 50% Na actualidade, a Xunta de Galicia inviste tres veces máis que o Goberno central en prestacións de dependencia, achegando o 76% fronte ao 24% estatal. De acordo co espírito da Lei de dependencia aprobada en 2006, a participación das comunidades autónomas e do Executivo central debe ser equitativa e, de feito, se o Goberno de España aportase o mesmo que a Comunidade, non existiría lista de agarda en dependencia.

Nesta mesma área, tamén corresponde o incremento da achega estatal para compensar os gastos de transporte. No caso concreto de Galicia, o Goberno central debe tomar en consideración á hora de asignar fondos as características do territorio galego, tanto no relativo á súa orografía como no relativo á dispersión da poboación, elementos que encarecen o servizo de transporte para as persoas maiores ou con discapacidade.19. Cofinanciamento para garantir a gratuidade total do 100% das prazas de escolas infantís para todas as familias galegasSen ningún cofinanciamento estatal, Galicia introducirá o ano que vén a gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos para os segundos fillos e sucesivos en todas as escolas infantís de Galicia. A maiores, solicítase a colaboración económica do Goberno central para que esta medida poida introducirse para o 100% das prazas e o 100% das nenas e nenos.20. Prestacións servizos sociaisExisten unha serie de ingresos procedentes do Goberno de España para os servizos sociais que se considera prioritario recibir nos próximos meses. Son os seguintes:- Compensación estatal polo incremento do salario contemplado no XV Convenio Colectivo para as entidades que traballan coa discapacidade. A suba decidida polo Goberno central (sen acompañala dos fondos necesarios para poder afrontala) tivo que ser asumida pola Xunta en solitario para evitar a quebra das asociacións. A axuda extraordinaria ascende a 3,6 M€.- Cumprimento dos compromisos no Cegadi. A Xunta puxo en marcha a área de rehabilitación para persoas con discapacidade pero é preciso que o Goberno central impulse a residencia así como a apertura dunha delegación do Centro de referencia estatal de autonomía persoal e axudas técnicas, que lle compete segundo o convenio asinado entre ambas partes. Ademais, nos orzamentos xerais do Estado de 2018, que seguen en vigor, contémplase un investimento de medio millón de euros para este centro que aínda non fixo efectivo.- Recuperación das axudas para a atención e a acollida dos Menores Estranxeiros Non Acompañados (Menas). Estes fondos, regulados no Real Decreto 1340/2018, do 29 de outubro, deberían contribuír en maior medida a que Galicia atenda a afluencia destes menores, que experimentou un incremento exponencial nos últimos anos. Non en van, en 2016 Galicia rexistraba 57 menos e agora suma 193. Pola contra, se o pasado ano a comunidade dispuxo de 423.000 € para esta materia, no presente exercicio recibiu cero euros.-A conxelación das contías que o Goberno central destina ao Plan Concertado e ao Plan de desenvolvemento xitano son insuficientes para poder atender a demanda actual de servizos sociais e as necesidades da poboación máis vulnerable, polo que cómpre proceder a un aumento.- Recuperación dos fondos para a loita contra a pobreza infantil. Ao tratarse dunha área de tanta importancia, Galicia considera imprescindible recuperar como mínimo o mesmo nivel de fondos que existía o pasado ano, xa que no presente exercicio destináronse a esta Comunidade 400.000 € menos para esta cuestión.21. Creación de novas unidades xudiciais para completar o mapa galego.

A competencia para a creación de novas unidades xudiciais radica na Administración do Estado. Cando o Ministerio de Xustiza decide a creación de novas unidades para Galicia, son a Xunta e o TXSG os que propoñen de forma pactada onde se situarán estes novos xulgados, tendo en conta sempre criterios obxectivos de pendencia e carga de traballo.

Este ano, a pesares de que a Xunta e o TSXG trasladaron unha petición consensuada e baseada en datos obxectivos, o Ministerio de Xustiza desoíuna. Galicia solicitara a creación de xulgados en Vigo, Santiago de Compostela e Lugo, pero o Goberno central rexeitou crear o xulgado en Lugo. Neste senso, a Xunta, aínda que non pode decidir a creación de novas unidades xudiciais nin fixar o seu número, mantén a súa disposición a acoller e dotar cantas unidades xudiciais decida o Ministerio. 22. Necesidades prioritarias en materia de seguridade- Completar a dotación da Unidade de Policía Adscrita a Galicia. A Xunta xa ten solicitado en diversas ocasións a necesidade de completar o cadro de persoal con 100 axentes máis. É imprescindible para facer fronte ao aumento de competencias que asumiron nos últimos anos, por exemplo, coa incorporación da protección das mulleres vítimas de violencia de xénero. Pero ademais, a curto prazo prevese que a carga de traballo aumente previsiblemente a partir do 2020 debido a outros motivos, como a celebración do Xacobeo en 2021.-Habilitar o mecanismo necesario para que se poida levar a cabo a comarcalización dos parques de bombeiros das cidades. Esta opción, moi avanzada en varias áreas, só se pode materializar se o Goberno central amplía a taxa de reposición de efectivos xa que, do contrario, non se pode efectuar a convocatoria do número de prazas necesario para a comarcalización.23. Axilizar as axudas para a extensión da banda larga No marco de colaboración entre Xunta e Goberno central véñense desenvolvendo actuacións para mellorar a cobertura de telecomunicacións no rural. As liñas de actuación de despregue de fibra previstas por parte do Goberno galego están todas adxudicadas e con data de remate no 2020. Así mesmo, é relevante que por parte do Estado se axilice a execución dos fondos FEDER asignados a esta finalidade co obxectivo de que Galicia poida cumprir co obxectivo que a UE establece para 2020, que o 100% dos cidadáns deberán dispoñer dunha cobertura de 30 Mb cando menos.

COLABORACIÓN CULTURAL24. Apoio ao Xacobeo 2021 O próximo Xacobeo será o acontecemento cultural máis importante de Europa no ano 2021 e, por tanto, é un fenómeno internacional que o conxunto de España debe aproveitar para reforzar a súa imaxe exterior. Galicia xa está a traballar con ese obxectivo e, de feito, está aprobado pola Xunta o Plan Estratéxico do Xacobeo 21, cunha orientación e con orzamentos definidos.

Con todo, o Ano Santo transcende á Comunidade autónoma e, por este motivo, solicítase ao próximo Executivo estatal que tamén aprobe un plan estratéxico, dotado con fondos suficientes e cunha visión a longo prazo para aproveitar o ciclo 2021-2032, período no que celebraremos tres xacobeos. Entre outros aspectos, Galicia reitera as seguintes peticións:- No eido do patrimonio, desenvolvemento do Plan de Bens de Interese Cultural do Camiño de Santiago, por un importe de 100 millóns de euros.- En materia viaria, acometer as accións comprometidas por valor de 13 M€ para mellorar a seguridade das estradas polas que transcorren as diferentes rutas xacobeas.- No referido á promoción turística, un calendario de accións que dea prioridade ao Camiño de Santiago e á temática xacobea desde os primeiros meses de 2020, así como apoio para o desenvolvemento conxunto de actuacións incluídas na programación que realizará Galicia.- Ampliación do Consejo Jacobeo. Actualmente, está composto unicamente polas comunidades atravesadas por Camiños de Santiago declarados Patrimonio da Humanidade. Isto exclúe a autonomías como Andalucía ou Estremadura, polas que discorren itinerarios xacobeos como a Vía da Prata, e que tamén deberían participar neste órgano.- Cunha visión 2021-2032, cómpre o deseño dun Plan Nacional dos Camiños de Santiago, dotado economicamente, e que inclúa medidas para delimitar e sinalizar de forma máis axeitada os Camiños de Santiago en España.- Finalmente, existen varios investimentos culturais que o Goberno de España debe ter en conta nos primeiros meses da próxima lexislatura. Por poñer algúns exemplos, reitérase a necesidade de desenvolver unha estratexia para planificar dotacións culturais e turísticas nos faros sen habitar, cómpre axilizar o remate do Museo Arqueolóxico de Ourense, así como consignar unha partida orzamentaria o próximo ano para iniciar o proxecto construtivo da Biblioteca de Vigo.25. Mantemento do apoio ás candidaturas a Patrimonio MundialÉ preciso un apoio decidido –como se vén dando nos últimos anos– para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio Mundial pola Unesco en 2021. Neste momento encara a recta final, pois nos próximos meses iniciará a súa avaliación.

Así mesmo, Galicia conta con outras dúas candidaturas na actualidade na Lista Indicativa da Unesco, Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e Ferrol da Ilustración, que precisan manter o apoio inequívoco para referendar os pasos que se dan tanto desde a Xunta como desde o Concello ferrolán.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre