Inicio Galicia Augas de Galicia disporá o vindeiro ano dun orzamento de 100 millóns...

Augas de Galicia disporá o vindeiro ano dun orzamento de 100 millóns de euros para reforzar o apoio aos concellos nas súas competencias de abastecemento, saneamento e depuración

0

Teresa Gutiérrez subliña unha partida de 50,8 M€ que permitirá continuar ou rematar proxectos que mellorarán o saneamento das rías galegas, como no caso do da Malata, en Ferrol; o de Pontedeume ou o de Rianxo


A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, compareceu hoxe na Comisión 3ª do Parlamento para informar sobre os orzamentos deste departamento para 2020, que se incrementan nun 10 % e suman máis de 100 millóns de euros que permitirán reforzar o apoio aos concellos nas súas competencias de saneamento e abastecemento.

Teresa Gutiérrez explicou que a Lei de bases de réxime local lles outorga aos concellos as competencias de saneamento e abastecemento, que en caso de municipios de menos de 20.000 habitantes deberán contar coa colaboración das Deputacións provinciais.

Non obstante, subliñou a colaboración técnica e financeira da Xunta cos concellos mediante partidas que suman máis de 70 millóns de euros de axuda directa ás responsabilidades locais. Detallou que un total de 50,8 M€ se dirixen á execución de infraestruturas e 20,4 M€ a servizos de competencia municipal xestionados polo Goberno galego.

No que se refire á execución de actuacións hidráulicas, a directora indicou que as contas autonómicas permitirán continuar ou rematar os proxectos que redundarán na mellora do saneamento das rías galegas, como o da Malata, en Ferrol, en Pontedeume ou en Rianxo.

Subliñou o inicio das obras da EDAR de Viveiro, as actuacións de saneamento en Cabanas ou a mellora da depuradora de Praceres e o emisario submarino.

Engadiu o inicio da contratación e as obras da mellora do saneamento de Teis, en Vigo, ou as actuacións para optimizar a EDAR de Vilagarcía, o saneamento de Cambados ou da Illa de Arousa e as depuradoras de Vilaboa, Soutomaior ou Paderne.

Ademais Augas de Galicia rematará a redacción dos proxectos do saneamento de Lalín, da EDAR de Burela, de Arcade, da mellora do saneamento de Cee e Corcubión, do plan director de Ares-Betanzos ou da depuradora de Foz.

Indicou que tamén se traballará na mellora do saneamento do rural de Ferrol, en distintas parroquias de Padrón, en Abegondo, Porto do Son, Boimorto, Irixoa, Rois ou Baños de Molgas, entre outros.

En relación ao abastecemento, destacou o compromiso coa mellora destes sistemas en Ribadeo, Mesía, Vilamarín, A Estrada, Valga, Betanzos, Noia ou A Cañiza.

Cómpre lembrar que dende 2009 a Xunta investiu máis de 1.100 millóns de euros en obras hidráulicas, realizando máis de 350 actuacións de saneamento que beneficiaron a máis de 165 concellos e 300 de abastecemento en 186 concellos. Tamén se construíron 45 depuradoras con capacidade para dar servizo a 1,7 millóns de cidadáns.

Explotación de infraestruturasNesta liña desta colaboración, a directora salientou unha partida de 20,4 M€, dos que 9,8 se destinan ao funcionamento das 16 EDAR cuxa explotación foi encomendada polos concellos a Augas de Galicia, 1 millón ao servizo de abastecemento dos municipios da marxe dereita da ría de Arousa e 9,6 ás 13 depuradoras que a Xunta explota en réxime de concesión.

Precisou que tamén se reservan 2,9 M€ a servizos para a execución de diversas accións como o apoio á dirección de explotacións e ao control e asesoramento aos concellos na explotación das súas redes de saneamento.

Explicou que este asesoramento ten como obxectivo a explotación de depuradoras, pero tamén se amplía á avaliación da rede para solucionar carencias ou á xestión do canon da auga e o coeficiente de vertido.

Gutiérrez engadiu o orzamento de 4,6 M€ destinado a subvencións de explotación que inclúen uns 750.000 euros para as axudas a comunidades de usuarios do ámbito rural ou máis de 350.000 euros para apoiar aos concellos na elaboración do seus plans de seca.

Planificación e control A directora tamén sumou a estas actuacións un orzamento de 11,7 M€ para acometer as intervencións e servizos relacionados co Dominio Público Hidráulico, destacando as accións de planificación ou actualización dos plans de saneamento e abastecemento.

Sinalou que estas cifras tamén garantirán o estudo en detalle do estado dos encoros de demarcación hidrográfica Galicia- Costa, os traballos de xestión de presas ou o funcionamento do Plan de control de vertidos.

Tamén se referiu neste capítulo aos traballos de conservación fluvial, ás actuacións de plantación de bosque de ribeira ou ás accións de xestión en áreas con risco de inundación.

Iniciativas lexislativasPor outra parte, a directora subliñou o impulso de iniciativas lexislativas como a Lei de garantía do abastecemento en episodios de seca e en situación de risco sanitario.

Esta lei ten como obxectivo adaptar a xestión da auga ao contexto de cambio climático e dispoñer de ferramentas para dar unha resposta áxil e coordinada por parte das administracións públicas ante estas situacións.

Trátase dun novo instrumento xurídico para a prestación adecuada dos servizos do ciclo urbano da auga e o garante do subministro, en cantidade e calidade, á poboación. Tamén busca reducir a vulnerabilidade dos sistemas de abastecemento fronte á seca e a protección da saúde pública en caso de risco sanitario no abastecemento.

Indicou que os instrumentos de planificación son os plans de emerxencia municipais por risco de seca, obrigatorios para os casos de máis de 20.000 usuarios. Neste sentido, Augas de Galicia, para axudar aos concellos, publicou este ano unha orde de axudas para este fin e estes orzamentos inclúen unha partida para unha nova convocatoria.

Teresa Gutiérrez tamén destacou que o Executivo autonómico está a traballar na creación dunha entidade pública para a xestión do ciclo integral da auga co fin de darlles resposta aos concellos ante as dificultades que teñen nesta materia.

Nesta sociedade participarán a Xunta, de xeito maioritaria, os Concellos, que son os competentes na prestación destes servizos, e as Deputacións provinciais, a quen a lei lles reserva o papel de coordinación cos municipios de menos de 20.000 habitantes.

A entidade busca ofrecerlles aos concellos colaboración para que teñan unha explotación profesional dos seus servizos hidráulicos, abaraten custos e garantan a calidade das prestacións.

A sociedade proporcionaralles aos municipios servizos relacionados co ciclo urbano da auga que terán unhas tarifas por m3 igual para todos os concellos que participen na entidade, cumprindo así a primeira premisa do Pacto local da auga.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre