Inicio Galicia ?Atardecer no Gaiás? bate o seu récord de participación con máis de...

?Atardecer no Gaiás? bate o seu récord de participación con máis de 16.000 asistentes

0

Dos 21 concertos de balde ao aire libre, o de Nathy Peluso foi o de maior afluencia, seguido polo tributo a Queen da Banda Artística de Merza co coro Gli Appassionati


Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán ao solpor da Cidade da Cultura de Galicia, despediuse o sábado pasado, día 18, co reguetón feminista de Tremenda Jauría, tras 21 actuacións ao aire libre e de balde coas que bateu o seu récord de participación con máis de 16.000 asistentes.

O cartel deste ano foi un fiel escaparate das tendencias musicais actuais. Deste xeito, deulle máis espazo ás músicas urbanas —como o trap de Rels B ou a cumbia-electrónica de La Redada— e evidenciou unha clara aposta polas voces femininas —maioría nesta edición— e nun abano amplo de rexistros desde o soul, jazz ou a bossa nova con Dom La Nena, Mordem e Nathy Peluso, entre outras. Precisamente, o concerto desta ecléctica artista, nada na Arxentina, foi o que maior número de asistencia rexistrou, seguido do tributo a Queen da Banda Artística de Merza e o coro vigués Gli Appassionati.

Neste senso, salientar que, como en anteriores edicións, o peso de artistas e formacións galegas continuou a ser importante, nesa liña do ciclo de dar a coñecer a actualidade musical de Galicia. Así, polo Escenario Alhambra da Praza Central do Gaiás pasaron Nastasia Zürcher; Oh! Ayatollah, A Banda da Loba, Baiuca e Fernando Barroso.

A programa desta edición de Atardecer no Gaiás para os xoves, venres e sábados do verán tamén reflectiu o panorama internacional de música e as novas tendencias como a fusión de ritmos tradicionais árabes e rap de N3rdistan ou o soul máis fresco de Shriley Davis & The Silverbacks, co que arrancou o ciclo o pasado 5 de xullo.

Con estas cifras de participación, este ciclo —que conta coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas (Inaem) e o patrocinio de Cervezas Alhambra— demostrou que continúa a ser unha das citas consolidadas de Verán no Gaiás, programación da Cidade da Cultura para os meses de estío e que está a despregar —desde o 22 de xuño e ata o 21 de setembro— preto de 70 actividades de cultura e de lecer, ao aire libre e en contacto coa natureza. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre