Inicio Galicia Asinados os convenios entre a Xunta e as entidades locais de Viveiro...

Asinados os convenios entre a Xunta e as entidades locais de Viveiro e Ribadeo para a posta a punto dos campos de fútbol da Cantarrana e Pepe Barrera, "pulmóns deportivos da Mariña"

0

Lete Lasa asina os convenios cunha axuda da Xunta de 46.250 cada un deles e visita o parque temático de San Roque, o Club de Tiro San Roque e a pista multideporte de Barreiros recentemente finalizada e que contou cunha axuda da Xunta de 30.000 euros


O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou na mañá de hoxe a comarca da Mariña lucense para asinar os convenios de colaboración entre a Xunta de Galicia e os Concellos de Viveiro e Ribadeo que teñen por obxecto a “posta a punto dos campos de fútbol municipais da Cantarrana e Pepe Barrera. O mandatario galego destacou a importancia destes dous “pulmóns deportivos da Mariña” xa que concentran gran parte da actividade física da comarca e son os escenarios onde se pon en xogo o deporte rei por excelencia, o fútbol que, a día de hoxe, concentra 96.500 licenzas federativas en Galicia.

Por unha banda, o secretario xeral asinou coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, o convenio de colaboración para a reforma de instalación eléctrica e alumeado no campo de fútbol municipal da Cantarrana. Segundo o texto asinado, o importe total das actuacións ascende a 46.250 euros que serán achegados integramente pola Xunta de Galicia.

Grazas a esta obra, instalarase un novo cadro de mando e protección que dea servizo á totalidade da instalación para o que se substituirán os proxectores por novos proxectores LED, colocaranse novas canalizacións e liñas, así como novas torres de máis altura que as actuais, evitando problemas de cegamento e obtendo unha instalación que cumpra todos os requisitos.

Por outra banda, Lete Lasa asinou cara a fin da mañá coa corporación local ribadense o convenio de colaboración para a reconstrución do terreo de xogo do estadio municipal Pepe Barrera. O importe total das actuacións a realizar ao abeiro do convenio ascende á cantidade de 421.832,67 euros dos que a Xunta achegará 46.250 euros na presente anualidade.

O campo de Fútbol de céspede natural Pepe Barrera forma parte do Complexo Deportivo de Ribadeo, composto por un campo de Fútbol e unha piscina cuberta. O intenso uso deportivo que sufriu ao longo dos anos provocou o desgaste excesivo da capa de céspede natural, atopándose actualmente en deficientes condicións para a práctica deportiva polo que é necesario rexenerar o céspede natural, así como a mellora das instalacións que afectan o campo, sendo estas a modificación da rede de rega, instalación de drenaxe subterráneo baixo capa drenante, instalación de drenaxe perimetral así como instalar as canalizacións para unha futura rede de iluminación máis eficiente con luminaria tipo LED.

Ademais, na súa visita a Viveiro, o secretario xeral visitou o parque temático de San Roque -xestionado pola empresa Roq Sport coa que analizou a posibilidade de promover deportes como o montañismo ou a orientación nas súas magníficas instalacións- e o Club de Tiro San Roque, co que tamén estudou posibles liñas de colaboración.

Xa en Barreiros, o titular do Deporte galego achegouse á pista multideporte de Barreiros recentemente finalizada e que contou cunha axuda da Xunta de 30.000 euros neste exercicio de 2019.

Obras por 1 millón de eurosA Secretaría Xeral para o Deporte realiza unha aposta decidida neste 2019 polas infraestruturas deportivas. Nos orzamentos iniciais de 2018 destinábanse un total de 2.833.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia Para o exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará unha contía de 3.934.217 euros -un 40% máis que o destinado inicialmente en 2018-.

En total, a provincia de Lugo verase beneficiada por obras de preto de 1 millón de euros nun total de 11 concellos e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de preto de 400.000 euros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre