Inicio Galicia As xornadas Drone Day achegan a estudantes de secundaria as aplicacións...

As xornadas Drone Day achegan a estudantes de secundaria as aplicacións profesionais dos vehículos non tripulados

0

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá nestas sesións que se desenvolverán durante dez días no Aeródromo de Rozas (Castro de Rei) ás que asistirán 300 alumnos e alumnas

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá no Aeródromo de Rozas nunha das xornadas “Drone Day: Aplicacións Profesionais dos Drons”, unha iniciativa organizada pola multinacional aeronáutica Boeing en colaboración coa Xunta e que se enmarca nas actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia. No acto participou tamén Neves Seoane, responsable do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR), sede do evento.

Segundo precisou Patricia Argerey, a finalidade destes talleres é “introducir aos estudantes, de xeito dinámico e entretido, no uso e funcionalidades das tecnoloxías vinculadas aos drons e familiarizalos coas súas aplicacións e uso”. Argerey contextualizou esta actividade de divulgación nos compromisos asinados entre a Xunta de Galicia e os seus socios no marco da Civil UAVs Initiative co obxectivo de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade galega, en especial o interese polas carreiras STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e o sector aeroespacial.

O programa de vocacións da Civil UAVs Initiative ten como obxectivo achegar a ciencia, a tecnoloxía e a innovación á mocidade e o fomento de novas vocacións especialmente vencelladas ao sector aeronáutico e aeroespacial, así como aumentar o coñecemento da iniciativa por parte da sociedade. Ademais dos drone days e das Aulas Newton, organizadas conxuntamente con Boeing, está previsto celebrar outros obradoiros, charlas, concursos e visitas ao CIAR, entre outras. O programa de vocacións científico-tecnolóxicas pretende chegar a mais de 1.000 escolares, mais de 100 universitarios e preto de 2.000 persoas interesadas neste segmento do sector aeroespacial.

Durante dez días, estudantes de secundaria de Burela, Castro de Rei, Lugo, Monforte e Xove, fundamentalmente de 2º e 3º da ESO, participarán en sesións de cinco horas de duración. O aforo máximo é de 30 alumnos por xornada e as inscricións xa teñen o aforo completo.

Ao longo da xornada desenvolveranse diferentes obradoiros prácticos e exercicios de simulación tanto de voo con drons como de realización de mapas. Para iso, traballarase con imaxes e fotografías tomadas dende vehículos aéreos non tripulados (UAVs). Os estudantes que participan na iniciativa traballarán en grupos de cinco ou seis persoas empregando un ordenador portátil e unha emisora de dron de simulación. Ao finalizar o obradoiro, realizarase unha saída á plataforma do aeródromo para que os participantes poidan observar voos reais de drons, con toma de imaxes e exercicios prácticos.

Balance das Aulas NewtonPatricia Argerey aproveitou para facer balance das Aulas Newton, unha actividade que Boeing e First Scandinavia executaron en colaboración co Concello de Lugo durante tres semanas e que remataron o domingo pasado. Esta actividade, que pretende achegar as materias STEM a alumnado de nove países europeos, acolleu a centros de ensino de toda a provincia (Castroverde, Chantada, Guitiriz, A Fonsagrada, Friol, Lugo, A Pastoriza e Xove) durante doce días. En total 339 estudantes tiveron acceso á Aula, o que, xunto co público xeral, suma un total de preto de 1200 visitantes.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre