Inicio Galicia As xogadoras de baloncesto do Celta Zorka conquistan aos nenos e nenas...

As xogadoras de baloncesto do Celta Zorka conquistan aos nenos e nenas do CEIP Otero Pedrayo no marco do Nadal Solidario

0

A Coral do Colexio Acacias-Montecastelo, formada por alumnos e alumnas do centro educativo vigués, amenizou a xornada de tarde no Tinglado do Porto de Vigo


As xogadoras do equipo feminino de Baloncesto Celta Zorka acapararon hoxe todas as miradas no marco do Nadal Solidario organizado pola Xunta de Galicia no Tinglado do Porto vigués, nunha visita na que coincidiron cos nenos e nenas do CEIP Otero Pedrayo.

Os cativos tiveron a oportunidade de charlar coas deportistas coas que compartiron experiencias e anécdotas, antes de seguir cos talleres infantís que estaban a desenvolver e nos que tamén participaron as baloncestistas.

Unha das visitas máis esperadas, a do equipo feminino -tras o encontro deste martes cos xogadores do Real Club Celta de Vigo, Sisto Pione e Rafinha Alcántara, á caseta que a Fundación Celta de Vigo ocupa no espazo solidario-, tal e como coincidiron en destacar o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e a delegada territorial da Xunta, Corina Porro.

Unha xornada completa da que tamén puideron gozar os residentes e usuarios de DomusVi Vigo, aos que lles chamou especialmente a atención o Nacemento da Catedral de Santiago, exposto no interior do Tinglado, con medio millar de pezas móbiles; e un nutrido grupo de persoas usuarias de Down Vigo. Tampouco defraudaron os alumnos e alumnas da Coral do Colexio Acacias-Montecastelo cunha actuación con predominio de vilancicos como corresponde a estas datas.

A representante autonómica aproveitou ademais para avanzar que este xoves será a quenda do showcooking de Anfaco, un dos colaboradores deste espazo solidario, a partir das 13.00 horas. E xa pola tarde, a partir das 19.00 horas, as notas musicais correran a cargo da banda Uke & The Leles, formada por alumnos e alumnas do colexio O Castro British School de entre 8 e 12 anos de idade, que se subiran por segunda vez ao escenario deste espazo solidario de Nadal. O colofón do día chegará da man do grupo musical vigués A Comisaría que recollerá a testemuña a partir das 21.00 horas.

Espazo solidarioCompre lembrar que o cerne desta iniciativa son as 24 ONGs e organizacións solidarias participantes coas que o Goberno galego busca fomentar a solidariedade. Un lugar no que vigueses, turistas, peregrinos e empresarios poderán achegarse para aportar o seu grao de area. Un espazo, ideado pola Delegación Territorial de Vigo en colaboración coa sociedade civil e coa implicación de varias consellerías da Xunta e o Porto de Vigo, que busca canalizar a expresión solidaria dos cidadáns, pero que é moito máis, xa que permitirá encher a cidade de Vigo de cultura e tradición.

Deste modo, a iniciativa ten como obxectivo traballar coa sociedade civil, con entidades solidarias, fomentar accións participativas de ambiente familiar e colaborar en positivo coa cidade cun nadal próximo, xeneroso e solidario, con máis dun cento de actividades ao longo de todo o día en horario de 12 da mañá ás 10 da noite, estendéndose á medianoite os sábados e domingos.

Un proxecto co que se procura pór o foco de atención sobre os aspectos máis tradicionais do Nadal, nun espazo pensado para todos os públicos, coas familias como prioridade, cun programa que protagonizan os vigueses de principio a fin.

Nacemento da Catedral de SantiagoUn dos aspectos máis atrainte no interior do Tinglado é a mostra do Belén da Catedral de Santiago de Compostela, que en 60 metros cadrados amosará preto de 500 pezas articuladas. Asemade, haberá tamén demostración de oficios tradicionais, concertos de coros infantís, jazz, teatro e danza.

O apartado da animación corresponderalle á Federación de Bandas de Música Populares de Vigo e Asociacións de Corais Polifónicas, rondallas e agrupacións teatrais da cidade. Estarán presentes, alumnos da Escola de Arte Dramático, o coro infantil da Fundación Mayeusis, a Coral Casablanca ou os Bolechas, entre outros. Asemade, grupos locais e de jazz encargaranse de amenizar no horario ampliado ata as 00.00 horas as noites dos sábados e domingos.Á decoración tradicional do Nadal se suman, no interior do Tinglado, nove casetas de madeira que contan actividades propias nas que participan a Autoridade Portuaria de Vigo, que dará a coñecer os seus ambiciosos proxectos medioambientais; a Consellería de Medio Ambiente, coa celebración de talleres infantís que ofrecen desde experimentos de “Ciencia Divertida” ata actividades de reciclaxe e concienciación medioambiental; a Consellería de Mar, con actividades informativas das súas campañas; a Consellería de Cultura e Turismo e a Consellería do Medio Rural, que porán o foco de atención nos seus diferentes programas; Anfaco, que fará demostracións de conservas e organizará talleres informativos e showcookings; e as 24 ONGs que, en diferentes quendas durante as mañás e as tardes, terán a oportunidade de trasladar o seu proxecto solidario á cidadanía.

Terán así representación, APAM, Aspanaex, San Rafael, San Francisco, Igualarte, Down Vigo, Alento, Cáritas, o Comedor da Esperanza, as Misioneras do Silencio, AFAN, Ayuvi, Afaga, Asdegal, Red Madre, a Fundación Balms, Fundega, Discamino, Bicos de Papel, Asanog, Fundación Stop, Vida Digna, a Fundación Magar e a Asociación de Xordos de Vigo.

Así mesmo, a programación contará con xornadas especiais para os colexios, centros sociais de maiores e os nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Por último, a Fundación Celta de Vigo traerá xogadores do equipo de primeira división e do equipo Integra, formado por deportistas con discapacidade (gañadores este ano da Copa de España), cos que os visitantes poderán compartir momentos e pedirlles autógrafos.

Poboado de Nadal, Reis Magos e carruselXa no exterior do Tinglado, na viguesa Praza da Estrela, hai disposto un poboado de Nadal e unha gran caseta onde o Paxe real recollerá as cartas dos máis pequenos da casa. Un espazo que completan o clásico carrusel e grandes figuras representando aos Reis Magos e ao tradicional moneco de neve. O eixo principal desta decoración é o Camiño de Santiago e os seus símbolos: a vieira ou as mouteiras.

Tamén participan no exterior as asociacións de comerciantes de Vigo, que se aquendarán para ofrecer información sobre campañas para as compras do Nadal nos barrios de Vigo; ou a Dirección Xeral de Xuventude, con animación xuvenil e máis de voluntariado para os mozos vigueses.

Haberá casetas para garapiñadas ou castañeiras tradicionais e un grupo de foodtruck, entre os que participan: Pescanova, Frutas Nieves, La Joaquina e La Pepita. Todas elas contribuirán a este Nadal Solidario doando parte da recadación ás ONGs.

No solpor das fines de semana haberá concertos de grupos vigueses. Tamén está prevista a visita de varios conselleiros que manterán encontros con membros de organizacións e colectivos das súas áreas correspondentes en Vigo. Cómpre lembrar que neste proxecto involucráronse varias consellerías da Xunta e a colaboración do Porto de Vigo.

Outras actividadesLonxe das actividades propias no Tinglado e Praza da Estrela, incorpóranse a este Nadal solidario e comprometido a Federación de Asociacións de Veciños, celebrando un día completo de actuacións de relacionadas con estas datas que será patrocinado pola Xunta de Galicia.

Tamén haberá concertos en centros de persoas maiores e un gran concerto de campás que actuará simultaneamente en varias igrexas da cidade dende a Concatedral de Vigo, o 28 de decembro ás 13.00 horas. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre