Inicio Galicia As terrazas ao aire libre en zona portuaria quedarán exentas do pago...

As terrazas ao aire libre en zona portuaria quedarán exentas do pago das taxas correspondentes ao período entre o 14 de marzo e o 11 de maio

0

A presidenta de Portos de Galicia deu conta ao consello de administración da aprobación desta resolución, que se atopa dispoñible para consulta na web do ente público

Os propietarios dos negocios de hostalería con terraza ao aire libre en espazos portuarios quedarán exentos do pago das taxas correspondentes ao período entre o 14 de marzo e o 11 de maio, toda vez que non se ten producido o feito impoñible debido ás restricións de actividade motivadas pola crise sanitaria da covid-19. Esta medida vén de ser aprobada por resolución da presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e trasladada ao consello de administración do ente público na súa última reunión.

Susana Lenguas explicou que Portos de Galicia comparte a preocupación do conxunto dos sectores portuarios e administrados ante a repercusión económica da crise sanitaria provocada pola covid-19. “O ente público actuou de xeito inmediato unha vez decretado o estado de alarma a través da posta en marcha de medidas de aplicación inmediata que entendemos que están xa a aliviar en certa medida as dificultades actuais dos usuarios que operan nos nosos portos e poderán facilitar a reactivación da actividade económica”, expuxo a presidenta do ente dependente da Consellería do Mar durante a celebración do consello de administración.“Entre estas medidas -engadiu Susana Lenguas- figura a decisión de adiar a emisión de todas as taxas portuarias posteriores ao 13 de marzo ata dous meses despois de terse levantado o estado de alarma”. Deste xeito, Portos de Galicia contribúe a facilitar liquidez aos usuarios portuarios, toda vez que a data de hoxe seguen sen emitirse liquidacións dos impostos xerados durante os meses de marzo, abril e maio. Á vista dos prazos coñecidos na actualidade, a previsión de emisión dos primeiros recibos non será antes do mes de agosto.

A maiores destas medidas de carácter inmediato, o ente público estudou nas pasadas semanas outras alternativas encamiñadas a paliar a afectación económica aos usuarios dos portos desta crise sanitaria. “En calquera caso a este organismo autónomo sonlle de aplicación os preceptos da lei de taxas, prezos e exencións, a lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a lei xeral tributaria e a lei de Portos de Galicia, polo que calquera medida que se puidese adoptar está suxeita a este marco”, indicou Susana Lenguas. Neste marco xurídico, a presidenta do ente público aprobou a resolución que exime do pago das taxas no período de confinamento aos establecementos hostaleiros. Polo que corresponde ao período posterior ao 11 de maio, a presidenta de Portos explicou que se tomarán medidas excepcionais de xeito individualizado para facilitar a colocación de mesas ou a ampliación de superficie.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre