Inicio Galicia As primeiras normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia entrarán en vigor...

As primeiras normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia entrarán en vigor en maio de 2020 para unificar criterios técnicos para a elaboración de documentos de ordenación

0

O Diario Oficial de Galicia publica a Orde desta nova ferramenta en materia urbanística, que prioriza a dixitalización dos datos espaciais como garantía de acceso á planificación territorial ao conxunto da sociedade

As primeiras Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, cuxo principal obxectivo é unificar os criterios técnicos que regularán a elaboración de todo o planeamento urbanístico, entrarán en vigor o vindeiro mes de maio de 2020. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde, no que se recolle que a entrada en vigor deste documento técnico será aos seis meses da súa publicación.

As Normas técnicas de planeamento son unha ferramenta coa que unificar a terminoloxía e os conceptos urbanísticos xerais, así como calquera outra cuestión que precise aclaración ou orientación técnica en materia de planeamento urbanístico; ademais dos criterios técnicos para a elaboración dos documentos.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, redactou este documento co fin de sentar unha bases que fomenten a integración da información do planeamento nas infraestruturas dixitais de datos espaciais. Deste xeito, ofrécese a posibilidade de establecer un acceso sinxelo aos documentos de planeamento ao conxunto da sociedade, é dicir, tanto aos técnicos que participen na planificación do territorio, como á cidadanía en xeral.

As normas técnicas son un instrumento técnico que, non só se da cumprimento ao contido do artigo 48 da Lei do solo de Galicia e aos artigos 88 e 89 do Decreto polo que se aproba o Regulamento da Lei, senón que tamén representan un paso máis na estratexia normativa de simplificación e normalización técnica dos instrumentos de planeamento.

Nese sentido, a Xunta defende que a tramitación do planeamento debe ser unha oportunidade, non un atranco para o desenvolvemento territorial, polo que as normas técnicas nacen da necesidade de facilitar e axilizar a súa elaboración, tramitación e coñecemento. En definitiva, representan unha oportunidade de mellora no proceso de formulación e aprobación dos documentos de planeamento, sempre na procura dunha maior transparencia e flexibilidade dos mesmos.

ContidoAs Normas técnicas de planeamento serán de aplicación íntegra aos plans en tramitación que non acadasen a aprobación inicial na data de entrada en vigor das mesmas, que se formalizará aos seis meses da súa publicación do Diario Oficial de Galicia.

En base ás normas, defínense e concrétanse os conceptos habitualmente utilizados na elaboración das normas urbanísticas dos instrumentos de planeamento ou das ordenanzas de edificación, así como noutros documentos escritos e na rotulación e lendas dos planos, que xa se recollen no Regulamento da Lei do Solo de Galicia (no seu Anexo I) e no Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia, para os conceptos cartográficos.

Tamén se fixan os criterios de elaboración, presentación e entrega da documentación dos instrumentos de planeamento, como por exemplo, a necesidade dun índice xeral numerado, e dun índice propio de cada documento, sinalando as súas páxinas numeradas e con acceso as diferentes partes a través de marcadores, os datos identificativos que deben incluírse en todas as follas e a correcta e homoxénea configuración do nome de cada instrumento,Outro aspecto que se aborda é a regulación das abreviaturas, da simboloxía gráfica (cores, tramas, tipos de liñas, e simboloxía gráfica), así como os formatos de entrega da documentación (como mínimo unha copia de todo o seu contido en soporte dixital -nun formato non editable PDF que permita a súa sinatura electrónica e un formato editable-, sen prexuízo de que as administracións que contraten a formulación do planeamento poidan esixir o formato papel) e a necesidade de dilixenciación e uns códigos cos que se deben identificar as carpetas do planeamento.

Establécese que para a elaboración da documentación gráfica debe empregarse a cartografía oficial rexistrada e dispoñible no Instituto de Estudos do Territorio, que é o órgano cartográfico de Galicia; polo que cando se fixe a necesidade de actualizar a cartografía deberá producirse e posta a disposición do IET para a súa validación e a súa inscrición no Rexistro de Cartografía de Galicia.

Con estas normas, os concellos enviarán os documentos de planeamento de modo homoxéneo e comparable, e coas características adecuadas para que sexan compatibles co Sistema Informático de Ordenación do Territorio de Galicia (SIOTUGA). Así, neste sistema informático, e de modo accesible ao público, poderase acceder aos documentos do planeamento -tanto en papel como en soporte electrónico-, cun formato, símbolos, abreviaturas, características únicas para todos os concellos, o que supón un enorme avance no proceso de elaboración, na transparencia e na seguridade xurídica do planeamento.

Coa elaboración das Normas técnicas de planeamento, a Xunta de Galicia da un novo paso na estratexia normativa para definir un urbanismo responsable que acade a maior simplificación, transparencia e seguridade xurídica.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre