Inicio Galicia As Olimpíadas galegas da formación profesional contarán coa visita de 95 centros...

As Olimpíadas galegas da formación profesional contarán coa visita de 95 centros escolares

0

As nenas e nenos poderán presenciar as competicións en cada unha das skills e coñecer a actividade que se desenvolve nos centros que imparten estas ensinanzas


Un total de 95 centros escolares galegos asistirán hoxe e mañá ás Olimpíadas galegas da FP, Galicia Skills 2018 que rematarán o venres na Feira Internacional de Galicia Abanca (Silleda), organizadas pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Os preto de 5.500 alumnos e alumnas –de secundaria, FP Básica, Bacharelato, FP grao medio e FP de grao superior– poderán presenciar as competicións en cada unha das skills e coñecer a actividade que se desenvolve nos centros que imparten estas ensinanzas.

Cómpre salientar que, a maiores da súa participación no certame, 15 centros galegos ocuparanse dos servizos do evento. Neste sentido, o servizo de restauración para os participantes directos serán realizados e servidos polo alumnado de centros da Rede EDUhostalaría de Galicia. En concreto, o CIFP Manuel Antonio (Vigo) e o IES Vilamarín (Ourense) ocuparanse da cafetería, o CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) das comidas e o IES Fraga do Eume (Pontedeume) do cóctel da gala de clausura.

A cobertura de imaxe e son da competición –que contará con transmisión en streaming– e da clausura será realizada polo alumnado do CIFP Imaxe e Son (A Coruña), mentres que a música da gala final correrá a cargo dos DJs do IES Xelmirez I (Santiago). Pola súa parte, o IES Plurilingüe Pintor Colmeiro (Silleda) ocuparase da atención a visitas e da organización do acto de peche, ao tempo que o IES Laxeiro (Lalín) dará o propio co servizo de apoio administrativo.

No caso dos traballos de impresión do equipamento dos participantes e material de uso nas competicións, será realizado polo IES Leixa (Ferrol) e polo IES Montecelo (Pontevedra), mentres que a elaboración de material de reprografía estará a cargo do CIFP As Mercedes (Lugo). O balizado dos stands será traballo do CIFP Politécnico de Santiago e o deseño e realización das medallas do IES Politécnico de VigoAdemais, a gala e o cóctel de clausura contará coas actuacións do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo e do Conservatorio Superior de Música da Coruña.

Demostración de habilidadesO obxectivo das Galicia Skills é poñer en valor o labor dos centros, do profesorado e do alumnado da FP galega. Os gañadores das diferentes destrezas representarán a Galicia no torneo nacional que terá lugar en Madrid o vindeiro ano.

Nos máis de 10.000 m² habilitados no recinto de Silleda, os 137 alumnos participantes de 52 centros públicos de Formación Profesional medirán as súas destrezas en 26 modalidades ou skills formativas: administración de sistemas en rede, carpintería, ebanistería, recepción hoteleira, cociña, servizos de restaurante e bar, panadería, coidados auxiliares enfermería, control industrial, electrónica, enxeñería de deseño mecánico-CAD, floraría, xardinaría paisaxística, fontanería e calefacción, instalacións eléctricas, mecanizado, mecatrónica, peiteado, pintura do automóbil, pintura e decoración, refrixeración e aire acondicionado, soldadura, solución de software para empresas, tecnoloxía da moda, tecnoloxía do automóbil e animación 3D e xogos. Haberá tamén obradoiros de imaxe persoal, drons, artes gráficas e hospital de robots, así como demostracións de realidade virtual, con simuladores e 3D, e de cociña innovadora.

As competicións desenvólvense durante a xornada de hoxe mércores día 28, e de mañá xoves día 29 pola mañá. No serán de mañá reunirase o xurado, formado polos titores que prepararon os equipos competidores e por expertos, para deliberar. Os gañadores coñeceranse na gala de entrega de premios prevista para o venres 30. Recibirá medallas de ouro e prata o alumnado que demostre maiores destrezas na súa modalidade, pero só os primeiros de cada categoría competirán en SpainSkills 2019.

Desde a súa primeira edición, en 2010, foron xa 313 os alumnos e alumnas que participaron nesta competición de carácter bienal, e que chega neste ano á súa quinta edición medrando con respecto a 2016 tanto no número de competidores (137 fronte a 100) como de competicións (26 fronte a 19).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre