Inicio Galicia As obras do novo albergue de peregrinos de Ourense reforzarán a acollida...

As obras do novo albergue de peregrinos de Ourense reforzarán a acollida na Vía da Prata

0

Rehabilitouse un emblemático inmoble situado no casco histórico, entre as rúas da Barreira e das Burgas, e conta cunha capacidade para 50 prazas ou liteiras

O novo albergue de peregrinos de Ourense, situado no inmoble localizado entre as rúas da Barreira e das Burgas, foi recibido hoxe pola Xunta de Galicia -executora da súa rehabilitación a través de Turismo de Galicia- da man da empresa construtora. A nova infraestrutura xacobea conta con todas as dependencias necesarias para o seu uso como albergue: salas de estar, cociña, salas de dormitorios cunha capacidade para 50 prazas ou liteiras, cuartos de duchas e aseos e zonas de lavandería e almacén de mochilas, ademais de cuartos de instalacións, control ou despachos.

Con esta intervención, Turismo de Galicia culmina a recuperación deste edificio que ata o momento estaba en desuso e dota á capital ourensá dun novo albergue, que se suma aos 70 cos que conta toda a Rede Pública de Albergues da Xunta de Galicia. Avanza, ademais, no seu compromiso coa cidade de Ourense e coa Vía da Prata e cúmprese un dos obxectivos do Plan director do Camiño de Santiago, que persegue a excelencia na atención ao peregrino e a diversificación e posta en valor dos diferentes itinerarios xacobeos que percorren a Comunidade galega.

Cunha superficie total edificada de máis de 647 metros cadrados, o novo albergue distribúese nun andar destinado a lavandería, almacén de mochilas e cuartos de instalacións; un andar baixo destinado a salón de estar, cociña, aseos e control de entrada, e dous andares altos destinados a dormitorios. Ademais, inclúese unha planta destinada a grupo de aseos e duchas e unha planta baixo cuberta destinada a dormitorios e despacho.

O proxecto contou cun investimento de máis de 700.000 euros, amais da dotación para mobiliario. Este novo albergue adáptase a toda a normativa de accesibilidade, de tal forma que se permita ás persoas con mobilidade e comunicación reducidas o acceso e circulación polo edificio nos termos previstos na súa normativa específica. Dáse así cumprimento tamén ao Plan de accesibilidade turística e do Camiño de Santiago, co que Galicia avanza para garantir unha oferta inclusiva no territorio galego. 

No hay comentarios