Inicio Galicia As obras de mellora do firme na estrada LU-722, en Navia de...

As obras de mellora do firme na estrada LU-722, en Navia de Suarna, fan necesario un corte de tráfico entre mañá e o venres 4 de setembro

0

Actuarase no tramo final da estrada que conecta Navia con Becerreá e a A-6, desde a saída da Pobra de Navia ata o cruzamento coa vía provincial LU-P-3502

As obras de mellora de firme que está a executar a Xunta na estrada LU-722, en Navia de Suarna, farán necesario un corte da calzada e o desvío do tráfico desde mañá e ata o vindeiro venres 4 de setembro.

Prevese actuar no tramo final da estrada, que conecta Navia con Becerreá e coa autovía A-6, en concreto, desde a saída da Pobra de Navia, capitalidade municipal, ata o cruzamento coa vía provincial LU-P-3502.

Para avanzar nestes traballos, será preciso o peche de calzada entre os puntos quilométricos 27+930 e 32+580. Para iso realizarase un desvío provisional do tráfico en ambos os dous sentidos que será debidamente sinalizado.

Habilitarase así un desvío a través das vías LU-P-3506 e LU-P-1901, para os usuarios da LU-722 desde Asturias; e outro polas estradas LE-4211, pola LU-P-1401 e LU-P-3505.

Esta intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade forma parte do contrato das obras de mellora de firme iniciadas a mediados deste mes de agosto noutras tres estradas que vertebran as comunicacións con Monforte de Lemos, cun investimento autonómico de máis dun millón de euros. Son actuacións en execución en diferentes treitos da vía de altas prestacións VG-2.1 de Monforte; da LU-933 neste mesmo concello; e da LU-546 (vía que conecta Nadela con Monforte) ao seu paso polos municipios do Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria.

Na VG-2.1 actuarase en toda a lonxitude da vía, de preto de 3 quilómetros, para realizar unha renovación completa da capa de rodaxe na calzada e nas beiravías.

Na estrada LU-933 está previsto mellorar o firme coa extensión dunha nova capa de rodaxe ao longo de cinco quilómetros entre Monforte e Bascós, incluído o treito urbano dentro da localidade monfortina. Tamén se realizará unha limpeza de gabias e noiros.

Pola súa banda, na LU-546 actuarase nuns 10,7 quilómetros e o proxecto contempla o reforzo localizado do firme, mediante a realización de fresados a carril completo, e a extensión dunha nova capa de rodaxe en carrís e beiravías.

En todas as estradas está previsto completar as actuacións de mellora do firme coa execución posterior de tarefas de reposición e renovación da sinalización horizontal e balizamento.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre