Inicio Galicia As obras de conservación na ponte do río Deva obrigarán a desviar...

As obras de conservación na ponte do río Deva obrigarán a desviar o tráfico na OU-801, ao seu paso por Pontedeva e Cortegada, desde o vindeiro luns e ata mediados de agosto

0

A intervención na estrada autonómica que comunica Ribadavia co límite da provincia en Pontebarxas, na fronteira de Portugal, foi adxudicada por preto de 190.000 euros

As obras impulsadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, para a conservación e o mantemento na ponte do río Deva, obrigarán a desviar o tráfico na estrada OU-801, ao seu paso polos municipios de Pontedeva e Cortegada, desde o vindeiro luns día 15 e ata mediados de agosto.

Esta intervención na estrada autonómica que comunica Ribadavia (OU-405) co límite da provincia en Pontebarxas, na fronteira de Portugal, foi adxudicada por 189.786,55 euros. Os traballos execútaos a empresa Orion Reparación Estructural S.

L.

As obras teñen por obxecto actuar nos apoios dos estribos da ponte do río Deva. Para executar estes traballos é necesario o corte da estrada, entre os puntos quilométricos18+550 e 19+010.

Durante o desenvolvemento dos traballos na ponte Deva quedarán habilitados dous desvíos, un para o trafico pesado por Ponte Frieira (estradas OU-412 e PO-400), e outra alternativa para o tráfico lixeiro pola OU-194 e OU-193.

A infraestrutura e os traballosEsta ponte salva o embalse da Frieira, pertencente á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, ten unha altura de pilas maior a 40 metros e unha celosía mixta de 7 metros de canto e 6 metros de ancho sobre a que se construíu unha lousa armada. O ancho do taboleiro é de 10,80 metros con dous carrís de 3,50 metros, dúas beiravías de 1,40 metros e pretís metálicos de 0,50 metros.

A actuación consiste na substitución dos aparatos de apoio de neopreno zunchado existentes, a través da colocación dos novos apoios de neopreno-teflón e de novas xuntas de dilatación que terán unha lonxitude de 9,80 metros e permitirán uns movementos do taboleiro de máis ou menos 115 milímetros. Con estas actuacións conséguese substituír os apoios existentes degradados e deixar a ponte reforzada e preparada para futuras operacións similares, simplificándoas.

Programa específico para pontes e obras de pasoEsta intervención enmárcase no programa específico de seguridade das pontes e das obras de paso, a través do que se levan a cabo actuacións de inspeccións periódicas e constantes en todas as estruturas das estradas autonómicas co fin de anticiparse a posibles futuros problemas.

Con este traballo, o departamento de Infraestruturas da Xunta supervisa de forma permanente o estado destes elementos, mantén actualizada a información sobre o seu estado de conservación e promove as actuacións preventivas que se consideran necesarias.

Este programa de seguridade e inspección de estruturas permite ter un coñecemento máis completo da rede viaria, do seu estado de conservación, tanto desde o punto de vista estrutural, como da súa evolución de deterioro no tempo e, por suposto, desde o punto de vista da seguridade dos usuarios.

O programa posibilita, polo tanto, coñecer de maneira detallada as necesidades de intervención en cada ponte ou obra de paso e deseñar, proxectar e executar estas actuacións de conservación, optimizando os recursos económicos e priorizando segundo criterios técnicos obxectivos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre