Inicio Galicia As esperas con arco do primeiro Plan de control do xabaril en...

As esperas con arco do primeiro Plan de control do xabaril en Lugo logran afastar aos animais das zonas periurbanas e urbanas

0

Despois de catro meses de aplicación do protocolo, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, subliña que o problema está controlado e os grupos de xabarís que seguen nos arredores presentan un comportamento “máis precavido”


Catro meses despois da súa posta en marcha, o primeiro plan para o control da presenza do xabaril nas zonas periurbanas e urbanas de Lugo cumpriu co seu obxectivo disuasorio, constatándose un afastamento destes animais cara a zonas máis alonxadas e mitigando a súa presenza e os avistamentos nos arredores da cidade. Así o resaltou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen esta mañá fixo balance dos resultados deste programa, o primeiro que se pon en marcha en Galicia co obxectivo de controlar a sobreabundancia de xabarís nas contornas urbanas.

Acompañada do delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e da xefa Territorial da Consellería, Margarita López, a directora trasladou a satisfacción de todos os membros da comisión sectorial de desenvolvemento do plan ante a efectividade das accións levadas a cabo entre os meses de marzo e xuño.

Concretamente, Belén do Campo explicou que a principal medida de control nas zonas de exclusión da contorna de Lugo foron as esperas nocturnas con arco, cuxa efectividade fixo innecesario optar por outras accións alternativas. En total, leváronse a cabo 45 esperas que se saldaron con 11 exemplares abatidos por outros tantos disparos (sen que houbera ningún intento errado e garantindo a morte rápida e con mínimo sufrimento do animal); e 55 avistamentos por parte dos arqueiros. A maior parte destas accións desenvolvéronse xa no mes de marzo, cun total de 21 esperas; seguidas doutras 11 respectivamente nos meses de abril e maio; e dúas esperas máis en xuño.

Os resultados destas medidas non tardaron en ter efectos visibles xa que, como explicou a directora, tras as primeiras esperas realizadas, detectouse un afastamento dos animais respecto das áreas periurbanas e urbanas máis próximas á cidade. En abril e maio volveron achegarse algunhas mandas a estas zonas polo que se abateron novos exemplares, e xa en xuño, non se fixo ningunha captura debido a presenza de femias coas súas crías.

Grazas ás esperas con arco realizadas nos últimos catro meses, Belén do Campo subliñou que a presenza destes animais nas rúas de Lugo e nas súas inmediacións “está controlada”, detectándose un “cambio radical” con respecto á situación de hai uns meses e un comportamento “máis precavido” por parte dos grupos de xabarís que seguen nos arredores.

Por esta razón, explicou que a comisión sectorial encargada da posta en marcha e do desenvolvemento do plan –na que están representadas ademais da Administración autonómica, as forzas e corpos de seguridade, DGT, técnicos e axentes medioambientais, sindicatos agrarios, Federación Provincial de Caza, Deputación e Concello de Lugo- acordou por unanimidade manter o operativo aberto por se fose necesario volver a intervir con medidas de control da poboación desta especie. Esta vixilancia e seguimento para verificar que a situación actual se mantén baixo control, en todo caso, terá que vir acompañada doutras medidas de carácter preventivo.

Así, Belén do Campo indicou que durante a xuntanza tamén se incidiu na necesidade de instar ao Concello de Lugo a implicarse na execución de rozas de silveiros, toxeiras e outras matogueiras que proliferan preto da cidade e proporcionan unhas condicións óptimas para o encame e refuxio desta especie. Acabar con esta situación, incidiu a directora, é a mellor medida preventiva e un labor que a comisión considera “imprescindible” para evitar a necesidade de novos controis sobre as poboacións de xabaril ou reducilas ao mínimo.

Posta en marcha do planCómpre lembrar que no mes de febreiro a comisión sectorial de desenvolvemento do primeiro plan para o control do xabaril na contorna de Lugo acordou levar a cabo un protocolo de actuación para afrontar os problemas derivados da presenza destes animais en zonas moi próximas á cidade, cunha incidencia importante sobre os cultivos e sobre todo, para o tráfico e a seguridade viaria. De feito, tal e como indicou do Campo, os representantes da DGT trasladáronlle aos membros da comisión que no que levamos de ano os xabarís estiveron involucrados en 490 accidentes de tráfico en toda a provincia de Lugo.

Como paso previo, partiuse dun informe no que se estimou que nas proximidades da cidade de Lugo existía unha poboación de aproximadamente 62 xabarís. A maioría destes exemplares movíanse pola marxe esquerda do río Miño e dentro deste grupo, concretamente uns 30 estaban localizados en zonas moi próximas ao núcleo urbano.

Tal e como precisou a directora, as medidas do plan de acción centráronse nestes exemplares por ser dos que se tiña unha presenza constatada na zona urbana e periurbana de Lugo e, polo tanto, a poboación que realmente estaba a ocasionar problemas e inquedanza entre a cidadanía. Esta estimación de xabarís, en todo caso, é moi inferior á poboación que se calcula que existe nos cinco tecores que hai na contorna da capital lucense, unha zona cunha extensión dunhas 35.000 hectáreas. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre