Inicio Galicia As empresas ourensás Bodegas Gallegas e Aguas de Sousa súmanse ao patrocinio...

As empresas ourensás Bodegas Gallegas e Aguas de Sousa súmanse ao patrocinio do Xacobeo 2021 con 320.000 euros

0

O representante da Xunta agradeceu a implicación de ambas firmas que, coa súa presenza internacional, contribuirán á promoción e divulgación do Ano Santo


O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a xerente de Bodegas Gallegas e Aguas de Sousas, Myriam Vázquez, asinaron hoxe un acordo de patrocinio polo que a empresa ourensá súmase á celebración do Xacobeo 2021 a través dunha colaboración de 320.000 euros que contribuirán a súa promoción e divulgación.

O representante da Xunta agradeceu ás compañías o compromiso adquirido con Galicia, no que será o Ano Santo máis participativo e descentralizado. Nesa liña, destacou que esta achega permitirá “seguir avanzando no noso obxectivo de converter a nosa cultura e o noso turismo nunha referencia internacional”, xa que tanto Bodegas Gallegas como Aguas de Sousas exportan os seus produtos a países de todos os recunchos do mundo.

No acto de sinatura, celebrado na sede central da empresa en Ourense, Román Rodríguez destacou a relevancia que terá no 2021 esta provincia, pola que pasan a Vía da Prata e o Camiño de Inverno, xa que –lembrou– ademais de ser Ano Santo, confíase en acadar a declaración de Patrimonio da Humanidade da Unesco para a Ribeira Sacra.

Pola súa banda, a xerente de Bodegas Gallegas e Aguas de Sousas, Myriam Vázquez, fixo fincapé no impulso económico que supón para a nosa comunidade autónoma e a proxección a nivel nacional e internacional do Camiño de Santiago, colaborando coa visibilización e o crecemento da industria galega. Ademais, resaltou a importancia de que un grupo como Bodegas Gallegas, presente cos seus produtos en tres das máis importantes denominacións de orixe de Galicia (Ribeira Sacra, Ribeiro e Rías Baixas) e cun nivel de exportación dos seus viños superior ao 50%, fose partícipe das actividades dinamizadoras propostas pola comisión do Xacobeo 2021.

Coa incorporación destas firmas ao Xacobeo 2021 xa son 10 as compañías que patrocinan este acontecemento, declarado de excepcional interese público e sometido, polo tanto, ao programa de beneficios fiscais aprobado polo Goberno central na lexislatura de 2018. Entre todas as achegas, os acordos para o Ano Santo superan xa os 14 millóns de euros.

Avánzase así no obxectivo de implicar á sociedade civil e ao sector empresarial, tanto de Galicia como do conxunto de España, na potenciación da celebración máis relevante desde o punto de vista cultural que se celebrará en Europa o próximo ano, e un dos eventos que desde a perspectiva turística mellor proxectará a nosa imaxe no mundo, pois cómpre lembrar que o Camiño de Santiago é percorrido por persoas de máis de 180 nacionalidades.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre