Inicio Galicia As axudas da Xunta á redución de xornada para fomentar a corresponsabilidade...

As axudas da Xunta á redución de xornada para fomentar a corresponsabilidade benefician a 339 homes e familias monoparentais

0

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución desta convocatoria de axudas que este ano se incrementaron nun 34% cun orzamento global de 741.036 euros


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da orde de axudas destinada a homes traballadores e familias monoparentais que se acollan á redución da xornada laboral para o coidado dos seus fillos e fillas. Este ano, as subvencións chegarán a un total de 339 persoas -252 homes e 87 mulleres-, o que supón un incremento do 21% respecto á anterior convocatoria.

A contía destas subvencións, cofinanciadas nun 80% polo Fondo Social Europeo, acadou os 741.036 euros, de forma que o orzamento aumentou nun 34% en comparación cos 553.800 euros do ano pasado.

O desequilibrio na repartición dos tempos de coidado produce efectos negativos na empregabilidade e promoción profesional de homes e mulleres. Por iso, o obxectivo destas axudas é promover a corresponsabilidade, ao mesmo tempo que se favorece a conciliación da vida familiar e laboral, para acadar a igualdade real en todos os ámbitos.

A principal finalidade desta convocatoria radica en levar a cabo a promoción dun reparto equilibrado das tarefas no eido doméstico, reprodutivo, do coidado de fillos e/ou fillas menores de tres anos. Ata agora, na gran maioría dos casos quen se ocupa destas tarefas seguen a ser as mulleres e sobre elas recae na súa maioría a responsabilidade de conciliar.

Por isto, as principais persoas destinatarias destas axudas son os homes (pais) que traballan e se acollan á redución da súa xornada laboral para coidar as súas fillas e/ou fillos menores de tres anos. Tamén as mulleres (nais) poderán ser beneficiarias destas axudas, nos casos en que sexan as titulares de unidades familiares monoparentais ou nos casos de parellas formadas por dúas mulleres.

A contía das axudas determináronse en función da porcentaxe de redución da xornada laboral e da súa duración, en atención ao número de fillas e fillos a cargo da persoa solicitante, oscilando entre a mínima de 1.700 euros e a máxima de 3.700 euros. Poden ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas, homes e mulleres, que no período entre o 1 de xullo de 2018 e o 30 de xuño de 2019, ambos incluídos, se acollesen á medida de redución de xornada para o coidado dun fillo ou filla menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %.

O fomento da corresponsabilidade é unha prioridade nas políticas de igualdade da Xunta, como se reflicte no Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021, que inclúe medidas concretas que inciden na conciliación, desde a base da corresponsabilidade familiar, poñendo o foco nunha repartición equitativa das responsabilidades doméstico-familiares entre mulleres e homes. Galicia converteuse desta forma na primeira comunidade autónoma en contar cunha ferramenta de planificación destas características. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre