Inicio Galicia As antoloxías 'Canto e contracanto' e 'Barzhaz Bihan Galiza' tenden pontes entre...

As antoloxías 'Canto e contracanto' e 'Barzhaz Bihan Galiza' tenden pontes entre as literaturas galega e bretoa

0

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu este serán ao recital de poesía galega e bretoa e, ao tempo, acto de presentación dos volumes Canto e contracanto. Antoloxía de poetas de Bretaña e Barzhaz Bihan Galiza. Mostra de poesía galega que se celebrou este no auditorio do Pazo de San Roque.

O representante da Xunta indicou que “neste 2019 que o moi prestixioso Festival de Lorient decidiu considerar, precisamente, Ano de Galicia, é unha satisfacción escribir con estas dúas antoloxías un novo capítulo na longa historia de admiracións recíprocas e de converxencias célticas entre a nosa terra e Bretaña”.

Xunto co secretario xeral de Política Lingüística, interviñeron na presentación das dúas antoloxías poéticas Ramón Villares, profesor da Universidade de Santiago e doutor honoris causa pola Universidade da Alta Bretaña; María Lopo, coordinadora de ambas as antoloxías, e Armando Requeixo, investigador e secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Ademais, o acto incluíu un recital de poemas recollidos en ambos os dous volumes a cargo dos poetas bretóns Gwendal Denez e Herve ar Bihan e dos poetas galegos Claudio Rodríguez Fer e Olga Novo.

Galegos en bretón, bretóns en galegoCanto e contracanto reúne 60 poemas de 20 autores de Bretaña, nunha edición bilingüe na que os textos orixinais, escritos en bretón, francés e, nun caso, en inglés, acompañan a súa versión galega. Os poetas compilados naceron todos no século XX agás Ivonet Omnes, o primeiro nome coñecido da poesía bretoa, que viviu no século XIV e que abre esta antoloxía. Trátase dunha escolla da coordinadora do volume, a ensaísta e tradutora María Lopo, que non pretende ser representativa do vizoso panorama poético bretón e que inclúe a Nolwenn Korbell, Anjela Duval, Guillevic, Armand Robin, Pêr Denez, Georges Perros, Youenn Gwernig, Xavier Grall, Yves Elléouët, Kenneth White, Gérard Le Gouic, Paol Keineg, Gwendal Denez e Alan Botrel.

Barzhaz Bihan Galiza. Mostra de poesía galega traslada ao bretón os poemas dunha ducia dos autores máis senlleiros da nosa historia literaria, desde os mestres do Rexurdimento Eduardo Pondal, Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez ata as voces da nosa modernidade como Claudio Rodríguez Fer ou Olga Novo, pasando polos mestres do pasado século Ramón Cabanillas, Manuel Antonio, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Luz Pozo Garza, Manuel María e Xohana Torres. Os textos foron traducidos por María Lopo, coordinadora tamén desta segunda antoloxía, Herve ar Bihan, Alan Botrel e Gwendal Denez. Estes dous últimos foron tamén os responsables do traslado á lingua bretoa de todas as anotacións e textos introdutorios.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre