Inicio Galicia As anpas da área de Vigo reciben 35.685 euros para programas de...

As anpas da área de Vigo reciben 35.685 euros para programas de promoción da igualdade e loita contra a violencia de xénero

0

O Goberno galego incrementou o orzamento inicial en 80.000 euros, ata os 380.000 euros, na convocatoria deste ano para dar resposta á alta demanda

Un total de 13 asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos da área territorial de Vigo recibirán 35.685,8 euros este ano ao abeiro da orde das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, tal e como recolle a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Concretamente nesta convocatoria resultaron beneficiarias 8 asociacións de Vigo; Foanpas Vigo (6.000 euros), Asociación de nais e pais do EEI Monte da Guía (4.000 euros), ANPA Irmandiños do CEIP O Rocío (750 euros); ANPA A Barxa do CEIP García Barbón (4.000 euros), ANPA Lameira do CEIP Josefa Alonso (4.000 euros), Surgapa (1.842,809 euros), APA Paraixal Os Únicos (3.385 euros), e a Asociación de nais e pais do CEIP Valle-Inclán (285 euros). A estas súmanse a ANPA Colexio Infantil O Areal do EEI O Areal (1.801 euros), ANPA Balcaxia do IES Primeiro de Marzo (3.410 euros) e a Asociación de pais e nais de alumnos do CEP O Areal de Sabarís (2.150 euros), todas elas de Baiona, e as mosenses ANPA do CEIP Petelos (540 euros) e a ANPA Cela e Pereiras de alumnos do CEIP de Atín (3.520 euros).

Co obxectivo de dar resposta á alta demanda destas axudas, financiadas no desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, o Goberno galego ampliou o pasado mes de agosto o orzamento inicial en 80.000 euros ata os 380.000 para as asociacións de nais e pais e federacións e confederacións destas de toda Galicia. Cada solicitude optaba a un máximo de 4.000 euros nas peticións individuais; ou de 7.000 euros, no caso das conxuntas presentadas por dúas ou máis Anpas dun mesmo concello ou por unha federación ou confederación de Anpas.

Ao abeiro desta orde de axudas, fináncianse programas e actividades de difusión dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarias, ás familias, ás Anpas e á comunidade educativa. Entre as actuacións subvencionables inclúense escolas de pais e nais que aborden temas de igualdade, de educación afectivo-sexual e sobre violencia de xénero; a elaboración de materiais informativos para nais e pais que lles axuden a detectar estes casos; a realización de accións de formación, sensibilización e difusión contra a cosificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas; a formación para pais e nais ou mozos e mozas sobre o uso adecuado e crítico das novas tecnoloxías, sobre todo no que se refire á protección da privacidade e os ciberdelitos; accións de formación coas familias e o alumnado sobre novas masculinidades ou micromachismos; e outras accións que sensibilicen sobre os estereotipos e que dean a coñecer as pautas para previr a violencia de xénero ou os protocolos existentes en casos de agresións.

A Xunta considera fundamental a implicación das Anpas galegas para poder chegar ás familias e ao alumnado galego e dotalos das ferramentas necesarias para promover unhas relacións respectuosas e en igualdade que preveñan e axuden a erradicar todas as formas de violencia de xénero.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre