Inicio Galicia As análises confirman a infección por coronavirus nun paciente procedente de Madrid

As análises confirman a infección por coronavirus nun paciente procedente de Madrid

0


As análises realizadas no Servizo de Urxencias do CHUAC, e confirmadas polo Centro Nacional de Microbioloxía, a un paciente procedente de Madrid confirman a infección por coronavirus dunha persoa que se atopa illada no hospital, en cumprimento dos protocolos acordados co Ministerio de Sanidade. Este é primeiro caso positivo confirmado en Galicia.

Trátase dun home de 49 anos, procedente de Madrid, que se presentou con sintomatoloxía respiratoria no servizo de urxencias do CHUAC e ao que se lle solicita a proba de diagnóstico de COVID-19 ante a presenza dunha neumonía bilateral nun contexto clínico de infección vírica.

A Dirección Xeral de Saúde Pública está seguindo o protocolo e xa iniciou o estudio de contactos para determinar as medidas necesarias que permitan previr novos contaxios.

Sanidade remarca que hai un procedemento específico para as persoas que sospeiten terse contaxiado co coronavirus. É importante que se contacte por vía telefónica con servizos sanitarios para que un equipo, formado por persoal de enfermería e persoal auxiliar, poda recoller mostras para analizar no seu domicilio, evitando en caso de infección a propagación do virus.

Dende o Sergas lémbrase que a Consellería de Sanidade ten a disposición da poboación o teléfono 902 400 116 para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto. En calquera caso, para persoas con sintomatoloxía (febre, tos, sensación de falta de aire) e que volvesen de zona de risco ou tivesen contacto con alguén que estivera nalgún deses lugares, tamén está dispoñible o teléfono 061 para consultas.

ProtocolosDesde o comezo da alerta por coronavirus, consensuouse un protocolo de actuación entre o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas, que a Consellería de Sanidade xa trasladou ás xerencias das áreas sanitarias, incluíndo definición de caso sospeitoso e criterios de actuación, que se está a actualizar periodicamente en función da evolución do abrocho e do coñecemento que se vai xerando.

Ademais, tamén se enviaron os protocolos, adaptados á nosa estrutura asistencial, que están dispoñibles na web da Consellería de Sanidade, no apartado de saúde pública. Estes protocolos detallan todos os pasos para facer a vixilancia e control en Galicia, como actuar na detección de casos e o seu manexo, a toma e manexo das mostras obtidas dos pacientes e como elaborar as enquisas de cada caso para facer un seguimento. Tanto o Sistema de Alerta Epidemiolóxica de Galicia como o sistema asistencial teñen definidos protocolos de actuación claros e teñen capacidade demostrada para o seu manexo. Estes protocolos iranse adaptando segundo estea dispoñible nova información que o aconselle, tanto no tocante á definición da sospeita de enfermidade como nos criterios de manexo dos casos e dos seus contactos.

RecomendaciónsA Consellería de Sanidade volve reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembra que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre