Inicio Galicia As achegas da Xunta beneficiaron con máis de 100.000 euros a cinco...

As achegas da Xunta beneficiaron con máis de 100.000 euros a cinco asociacións de veciños da comarca de Santiago

0

O delegado territorial visitou a entidade veciñal de Picón, en Vedra, que levou a cabo o acondicionamento exterior do seu local social

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañado polos alcaldes de Boqueixón e Vedra, Manuel Fernández e Carlos Martínez, visitou esta mañá a asociación de veciños de Picón de Vedra para comprobar o resultado da obra de acondicionamento exterior do seu local social.

Esta actuación contou cunha achega de 12.000 euros da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, dentro do plan específico de acción comunitaria destinada a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais.

O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar que as achegas deste plan no ano 2019 deixaron na provincia da Coruña algo máis de 100.000 euros, que beneficiaron a 9 entidades asociativas dos municipios de Santiago, Frades, Ribeira, Zas (2), Vedra, Culleredo e Boqueixón (2).

Concretamente, na comarca de Santiago destináronse este ano máis de 46.000 euros para levar a cabo actuacións nas asociacións de Picón de Vedra, na de Santa Olalla, na de Lestedo de Boqueixón, na de Sandra Prego Rial de Santiago e na de Os Pasos de Frades.

Ovidio Rodeiro felicitou á entidad de Vedra pola súa iniciativa e destacou que estas axudas contribúen a “fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal, sempre implicado na realidade social da súa contorna, que grazas a este programa pode impulsar melloras en infraestruturas de uso público e mellorar a prestación dos servizos básicos para beneficio de todos os veciños e veciñas”.

Esta liña de subvención iniciouse no ano 2016, e a día de hoxe está plenamente consolidada nos orzamentos anuais da Dirección Xeral de Administración Local.

O representante do goberno autonómico destacou que “este plan concedeu axudas destinadas ao acondicionamento e mellora dos locais sociais e á compra de novos equipamentos, o que lles permite manter a actividade que desenvolven, así coma a prestación de novos servizos, organización de actividades e reparacións de camiños veciñais. As comunidades de usuarios de augas poden conseguir axudas para a execución de obras de reparación de traídas veciñais de auga”.

As axudas económicas que se concederon puideron acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para dotación de equipamentos.

Convocatoria 2020Ovidio Rodeiro lembrou que xa está publicada no Diario Oficial de Galicia a nova convocatoria de subvencións destinadas ás asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais, para o ano 2020 por importe de 2,5 M euros, o importe máis alto dende o ano 2016, que nesta convocatoria debido ao elevado número de solicitudes pasa a ser de concorrencia competitiva. Ademais, a Xunta pode anticipar o 100% da subvención ás entidades beneficiarias, evitándolles que deban anticipar o custo do proxecto antes da súa realización e xustificación.

O importe máximo da axuda por entidade é de 12.000 euros para a realización de obras e 5.000 euros para a dotación de equipamentos e a finalidade destas axudas é contribuír a mellora da calidade de vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal.

As actuacións que se subvencionan ao abeiro desta orde son por unha banda, os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en inmobles de titularidade da entidade solicitante ou sobre os que teña un dereito de uso por convenio ou por calquera outro título; e por outra banda, os equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade e o seu funcionamento ordinario.

A presentación de ambas solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo de presentación será ata o 30 de xaneiro.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre