Inicio Galicia Artesanía de Galicia formará as redeiras galegas en xestión comercial e marketing...

Artesanía de Galicia formará as redeiras galegas en xestión comercial e marketing para apoiar a diversificación da súa actividade

0
image_gallery.jpg

A Fundación Artesanía de Galicia organiza un curso online que se celebrará do 26 de outubro ao 25 de novembro


A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Fundación Artesanía de Galicia, e en colaboración coa Consellería do Mar, organiza un curso de formación especializado dirixido ás redeiras artesás galegas, no marco do proxecto Enredadas, no que ambos os dous departamentos colaboran dende o ano 2012.

Xestión básica da actividade comercial. Análise de produción e prezos de venda está deseñado co obxectivo de servir de ferramenta para que as redeiras poidan desenvolver precisamente esa parte da súa actividade que está enfocada noutros ámbitos como a moda, os complementos ou a decoración. O prazo de inscrición está aberto na páxina web da Fundación.

O curso terá lugar do 26 de outubro ao 25 de novembro, en horario de 18:00 a 21:00 horas, e estará impartido polos consultores Pablo López, Tania Aira e Adriana Hermida, da empresa Implicatum.

Ao longo desta actividade trataranse temas como a marca persoal e o márketing para redeiras, a xestión de redes sociais e o marketing dixital, xestión de compras, os provedores, a xestión da calidade, estratexias de distribucións e canles de venda, as políticas comerciais ou a estratexia de prezos, a xestión financeira e o deseño dun plan de acción.

O proxecto Enredadas constitúe un exemplo de diversificación do oficio tradicional das redeiras en Galicia, que está abrindo novas oportunidades de negocio para estas artesás a través doutros ámbitos. Este é o segundo dos tres cursos de formación para redeiras incluídos no proxecto para este ano 2020. O primeiro deles, Deseño e aplicación das técnicas das redeiras ao sector da moda e complementos, comeza en Buño esta fin de semana e está programado xa o curso Iniciación á aplicación das técnicas das redeiras ao sector da decoración, entre os meses de novembro e decembro.

Nesta última parte do ano, a Fundación Artesanía de Galicia está a introducir a modalidade online na súa proposta formativa, ademais de potenciar os contidos relacionados coa presenza dixital e a difusión e a comercialización online, co obxectivo de apoiar o sector artesán galego na apertura de novas vías para achegar o seu produto aos clientes e afianzar as súas marcas. Este mes de outubro estase a celebrar o curso Formación estratéxica para a nova artesanía, centrado na xestión empresarial, e comezou tamén a actividade formativa Márketing dixital e xestión de redes sociais, que rematará o 5 de novembro.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre