Inicio Galicia Arredor de 85 persoas formaranse este curso nos ciclos de mecánica naval...

Arredor de 85 persoas formaranse este curso nos ciclos de mecánica naval e transporte marítimo da Escola Náutico-Pesqueira de Ferrol

0

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou esta mañá as instalacións deste centro, onde estivo acompañada polo equipo docente e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou esta mañá a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol na que, segundo os datos provisionais de matrículas, unhas 85 persoas cursarán os ciclos formativos de mecánica naval e transporte marítimo. Esta cifra coincide coa media de alumnas e alumnos que adoitan formarse nestas materias neste centro.

Durante a visita na que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento, Pesqueiro, Susana Rodríguez, a conselleira agradeceu ao equipo docente do centro dependente da Consellería do Mar o gran traballo realizado durante todo o verán para adaptarse e dar cumprimento aos protocolos que establecen as autoridades sanitarias en relación ao coronavirus.

Nesta liña fixo fincapé na importancia de dotar aos centros de profesionais cualificados e dos equipamentos necesarios para obter unha formación competitiva e seguir sumando novos titulados. En canto ás matrículas na formación regrada (ciclos formativos) dos centros dependentes da Consellería do Mar, salientou que a media anual de persoas matriculadas medrou nun 60% nesta década en relación ao período 2005-2009.

Ademais a titular de Mar engadiu que apostar pola formación marítimo-pesqueira é clave para acadar a remuda xeracional no sector e esta aposta materialízase en diferentes eidos como o orzamentario. Neste sentido, sinalou que este ano as contías asignadas a formación marítimo-pesqueira no orzamento da Consellería do Mar medraron máis dun 4% con 9,7 millóns de euros, o que supón a maior cifra da última década.

Outro dos aspectos desta aposta é o da defensa que realiza Galicia ante a Unión Europea de medidas que fagan atractiva a actividade como a mellora da habitabilidade dos buques; unha cuestión explicou, que a comunidade autónoma galega solicita que se teña en conta no futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

A EONP de FerrolA Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol foi inaugurada en 1975, no 1987 foi transferida á Xunta de Galicia e depende da Consellería do Mar, xunto coa Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) e o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo. Ten unha superficie total de 12.000 m2 e o edificio do centro ocupa 5.000 m2. Conta con 17 aulas de teoría e práctica (electricidade, automatismo, simuladores de ponte e máquinas, artes e aparellos, informática, meteoroloxía, sistema mundial de socorro e seguridade marítima –GMDSS- e debuxo).

Ademais dispón da única aula de seguridade de titularidade pública que existe en Galicia deseñada e construída especificamente para a realización de prácticas de loita contra o lume e supervivencia no mar. Tamén conta con simulador de ponte, talleres de soldadura, torno e axuste, motores e máquinas, vapor e frío, laboratorio de bioloxía, biblioteca, ximnasio, salón de actos, residencia e comedor.

Nestas instalacións fórmase ao alumnado en diferentes especialidades de mecánica naval e de transporte marítimo a través de ciclos regrados. Ademais, impártense outros cursos de formación non regrada como o de patrón costeiro polivalente, patrón local de pesca, mariñeiro pescador, mariñeiro de ponte, de máquinas, patrón portuario e operador do sistema mundial de socorro e seguridade marítima. Tamén se poden obter neste centro os certificados de formación básica en seguridade marítima, avanzado de loita contra incendios e de embarcacións de supervivencia e botes de rescate non rápidos.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre