Inicio Galicia Arranca a campaña de Nadal de apoio e promoción ao comercio de...

Arranca a campaña de Nadal de apoio e promoción ao comercio de barrio da Xunta de Galicia coa instalación dos 'photocalls'

0

Ata sete distritos contarán cunha destas instalacións na que os nenos e nenas vigueses poderán fotografarse cos Reis Magos ata o vindeiro 4 de xaneiro


A delegada territorial, Corina Porro, xunto co xerente da Asociación de Comerciantes de Teis, Roberto Giráldez, inauguraron hoxe no mercado de Teis o photocall que da arranque á campaña de Nadal de apoio e promoción ao comercio de barrio da Xunta de Galicia en Vigo.

Unha nova iniciativa que parte da Delegación Territorial de Vigo e coa que se pretende, en palabras de Corina Porro, pór en valor o comercio de proximidade e a súa importancia nos barrios. “Presentamos unha campaña coa que queremos animar a todos os vigueses a comprar nos comercios dos seus barrios”, apuntou.

Ata sete distritos estrearon hoxe o seu photocall co obxectivo de que os nenos e nenas vigueses que viven nestas zonas podan fotografarse cos Reis Magos; Bouzas, Pereiró, Xeral, Torrecedeira, Navia, Teis e Travesas.

Asemade, desde mediados de decembro e ata o 4 de xaneiro, os establecementos participantes sortearán entre os seus clientes 25 cestas cos produtos máis representativos da gastronomía galega, grazas á achega da Consellería do Medio Rural e á colaboración de Terras Gauda. “Cumprimos así unha dobre función, incentivar o consumo nos comercios de proximidade ao tempo no que promocionamos os mellores produtos da nosa gastronomía”, sinalou a representante autonómica.

Por outra banda, Corina Porro recordou que as asociacións de comerciantes contarán cun espazo propio no marco do Nadal Solidario que a Xunta impulsa este ano no Tinglado do Porto entre o 16 de decembro e o 4 de xaneiro. Segundo explicou a delegada, será un punto de encontro, non de venta, no que os comerciantes poderán facer promoción dos seus establecementos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre