Inicio Galicia Arias explica en Ribadeo as primeiras axudas convocadas pola Xunta para apoiar...

Arias explica en Ribadeo as primeiras axudas convocadas pola Xunta para apoiar aos sectores máis afectados pola covid-19

0
image_gallery.jpg

O delegado territorial informou aos representantes de Acisa da próxima convocatoria de achegas para facilitar o acondicionamento de terrazas e as vendas a domicilio ou para levar


O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, desprazouse hoxe a Ribadeo para manter unha xuntanza coa Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa), a petición da entidade. Continuando coa rolda de contactos que está a celebrar nos últimos días cos sectores económicos máis afectados polas consecuencias da pandemia, Arias referiuse aos programas que están en marcha ou se convocarán proximamente, algúns deles no marco do Plan de Rescate para persoas autónomas, microempresas e sector hostaleiro deseñado polo Goberno galego e dotado en total con 84 millóns de euros.

Na xuntanza participaron Francisco Miguel Iriarte Quintana e Jesús Perez Prada , presidente e xerente de Acisa respectivamente; tamén, a través de videoconferencia, a xefa territorial da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, Pilar Fernández, e o subdirector de coordinación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Francisco Pedro López Martínez.

Javier Arias explicou que en breve se publicará unha nova medida de apoio á hostalería, co fin de que poidan axustar a súa actividade aos requirimentos sanitarios impostos pola pandemia. Así, o Goberno galego destinará 3 millóns de euros a financiar a instalación e acondicionamento de terrazas e a adquisición de materiais de empaquetado de comidas e bebidas para a venda a domicilio ou para levar.

As axudas concederanse por orde de entrada da solicitude e acadarán o 80 % dos investimentos, que poden estar realizados desde o pasado 1 de outubro, cunha axuda máxima de 20.000 euros e anticipos da metade do importe no momento da concesión.

Convocatorias abertasCon respecto ás convocatorias abertas, o delegado lembrou que hoxe mesmo remata o prazo para solicitar as axudas para contribuír a sufragar os custos de alugamento dos establecementos de lecer nocturno, con achegas que poden alcanzar os 20.000 euros.

Ata o 18 de decembro poden solicitarse as achegas do Plan de rescate da Xunta para persoas traballadoras autónomas, con e sen persoal contratado ao seu cargo, un pago único xeral de 1.200 euros que se incrementa ata os 2.000 euros nos sectores que se atopan especialmente paralizados pola pandemia.

Desde mañá mesmo poderán solicitarse as axudas dirixidas neste mesmo plan a microempresas e sector da hostalaría. Neste último caso con contías nos que os establecementos hostaleiros poden superar, de darse as condicións, os 9.000 euros.

Igualmente permanece aberta a nova liña de préstamos dotada con 10 millóns de euros que achegará liquidez aos autónomos, microempresas e pemes con máis problemas de liquidez durante a covid-19, con xuros baixos e próximos ao 0%.

Concorrencia non competitivaArias lembrou que todas estas liñas son de concorrencia non competitiva, de modo que se concederán a todos os solicitantes que cumpran os requisitos establecidos nas convocatorias, por orde de entrada da solicitude coa documentación completa e, en todo caso, ata o esgotamento dos créditos. O procedemento previsto garante a axilidade a facilidade na achega da documentación, co obxecto de facer que a liquidez chegue o antes posible ao empresariado.

O delegado sinalou que existen outras axudas e recursos a disposición de autónomos e empresarios, entre os que lembrou a cuarta convocatoria do programa ReAcciona -aberto ata o 28 de decembro-, e distintos instrumentos financeiros, e invitou a todas as persoas interesadas a informarse nas oficinas ou na páxina web do Igape das solucións máis axeitadas a cada situación, e mesmo obter asesoramento individualizado á medida das súas necesidades.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre