Inicio Galicia Aprobado o proxecto de decreto polo que se regula o deporte de...

Aprobado o proxecto de decreto polo que se regula o deporte de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base

0

O proxecto de decreto remítese ao Consello Consultivo que conta cun prazo dun mes para elaborar o ditame como paso previo á súa aprobación e publicación definitiva


O Consello da Xunta aprobou no día de onte o proxecto de decreto polo que se regula o deporte de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base en Galicia, que será remitido ao Consello Consultivo de Galicia para os efectos do seu sometemento a ditame. O supremo órgano consultivo da Xunta de Galicia e das administracións públicas da comunidade conta cun prazo dun mes para elaborar este informe como paso previo a súa aprobación e publicación definitiva polo Consello da Xunta.

O novo decreto revisará, actualizará e mellorará a norma vixente -Decreto 6/2004, do 8 de xaneiro, polo que se regula a cualificación dos deportistas galegos de alto nivel e os programas de beneficios dirixidos a estes-. Deste xeito, regulará o deporte de alto nivel de Galicia -práctica deportiva de interese para a Comunidade Autónoma polo estímulo que supón para o fomento do deporte base, pola súa función representativa da Comunidade Autónoma nas competicións deportivas oficiais do máximo nivel, nacional e internacional, e por estar dirixida á obtención dos máximos resultados- e, como principal novidade, regulará tamén o alto rendemento deportivo -práctica deportiva que aínda non pode ser cualificada de alto nivel pero cuxa proxección indica que estará en condicións de selo- e o rendemento deportivo de base -etapa de desenvolvemento e perfeccionamento previa a acadar o alto rendemento deportivo ou o alto nivel-.

O novo decreto establece asemade o catálogo de dereitos e obrigas dos axentes deportivos recoñecidos nas distintas categorías como dereitos de carácter educativo, laboral ou económico que inclúen importantes vantaxes con respecto á norma vixente; así como o procedemento e requisitos establecidos para o recoñecemento de deportistas e tamén a técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, como novos colectivos que se incorporan a figura do alto nivel, a través da Comisión Galega de Avaliación do Alto nivel deportivo. Asemade establécese a posibilidade de obter este recoñecemento con carácter vitalicio.

Tamén se regulará dentro deste novo texto o recoñecemento dos centros de alto nivel e os núcleos de adestramento especializado e, como un dos puntos de meirande importancia, a creación da Oficina de Atención ao Deportista, ferramenta necesaria dentro de calquera sistema de protección global e efectiva dos axentes deportivos, e que permitirá a súa atención, dende o asesoramento, en todas as etapas –durante e despois- da súa carreira e dedicación competitiva.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre