Inicio Galicia ?Ao son delas? ponlle música en galego ao transporte escolar de Zas

?Ao son delas? ponlle música en galego ao transporte escolar de Zas

0

Trátase dun proxecto de innovación en dinamización lingüística premiado polas consellerías de Educación e de Cultura e Turismo

Nas vésperas da celebración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, a Xunta de Galicia presentou o disco Ao son delas, xurdido a raíz dun proxecto educativo homónimo do IES Maximino Romero de Lema (Baio, Zas) que foi premiado no seu día polas Consellerías de Cultura e Turismo e de Educación, Universidade e Formación Profesional. O disco, que contén música de cinco cantantes e grupos pop galegos integrados por mulleres, escoitarase a partir de hoxe no transporte escolar do instituto.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, saudou unha iniciativa “orientada a difundir entre a rapazada a música en galego, que adoito os máis novos cren que está restrinxida á de tipo tradicional, cando na nosa lingua se fai folk, pop, rock, trap, jazz… e calquera outro estilo que a un adolescente lle poida interesar”. Agradeceulles ás artistas que cederon as cancións para este proxecto a súa xenerosidade e valorou moi positivamente o feito de que o alumnado escollese voces femininas para unha iniciativa “que vencella, como estamos facendo nós no programa Nós contra a violencia, a defensa da lingua coa igualdade de xénero”.

Pola súa banda, Manuel Corredoira deulle os parabéns ao profesorado e ao alumnado do IES Maximino Romero de Lema por un traballo “coidado e ben feito que pon en conexión o centro educativo coa sociedade que o rodea e innova para alcanzar uns obxectivos que sobardan o estritamente académico”.

No acto participou tamén Manuel Maseda Deán, director do IES Maximino Romero de Lema de Baio (Zas) e un dos impulsores do proxecto Ao son delas.

Autobuses en galegoO disco dado a coñecer esta mañá, con deseño de Alba Romero e cunha presentación regueifada de Lupe Blanco e Alba María, contén cancións de Guadi Galego (Fronteiras), As Tanxungueiras (Que non mo neguen), A Banda da Loba (Anagnórise), Habelas Hainas (Himno das mulleres) e A comuna del Barruzo (O espazo de Gargayú), que cederon as súas músicas para o proxecto. Poderá escoitarse nos autobuses que transportan o alumnado ao instituto, que estarán rotulados nos próximos meses co lema Ao son delas… quilómetros de igualdade. Coa iniciativa colabora tamén a Asociación de Comerciantes Terra de Soneira, que distribuirá o traballo nos seus comercios e destinará os beneficios da venda a axudar a Lúa Awel, diagnosticada de microcefalia, atrofia cerebral e leucomalacia mulstiquística periventricular severa.

O proxecto xurdiu na materia Artes escénicas e xestión cultural, de libre configuración do centro en primeiro de bacharelato, e contou coa colaboración do alumnado de Imaxe e son e de Igualdade de segundo curso de bacharelato. Tras unha serie de faladoiros desenvolvidos o pasado ano académico coas artistas que finalmente participan no disco, profesorado e alumnado do IES Maximino Romero de Lema decidiu levar adiante esta iniciativa que ten a lingua propia de Galicia como eixe vertebrador co obxectivo de que a mocidade tivese acceso a música en galego de calidade, un achegamento artístico en clave de muller que busca traballar a normalización lingüística-musical e a igualdade de xénero, así como a xustiza social.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre