Inicio Galicia Anxo M. Lorenzo participa no Festival Kerouac de poesía de Vigo, que...

Anxo M. Lorenzo participa no Festival Kerouac de poesía de Vigo, que cumpre dez anos co apoio da Xunta de Galicia

0

O encontro, que se celebra na cidade desde hoxe e ata o domingo, intensifica este ano a súa programación na web e en redes sociais

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe no Festival Kerouac de poesía de Vigo que dez anos despois do seu nacemento está organizado polos galegos Vanesa Álvarez e Marcos de la Fuente co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, do Instituto Cervantes de Nova York e do Bowery Poetry Club entre outras entidades.

O recital tivo lugar no Muro dos Poetas de Vigo, seguido dunha representación do movemento Vigopoetico, con Graciela Baquero Ruibal, Oriana Méndez, Constance Hurlé ou Anna R. Figueiredo.

A situación derivada da covid-19 leva consigo a reformulación deste festival, que intensifica as súas actividades a través da web e nas redes sociais. A programación inclúe unha mesa redonda de editoriais de España e América, o xoves, 22; un recital con poetas de todo o mundo vía a plataforma Zoom, o venres, 23, e unha mostra de performance de poemas e cantigas, da man de Montenegro Fisher, Lola Nieto e a galega Iria Medraño (sábado, 25). A clausura do festival correrá a cargo do DJ e melómano vigués Mateo Fixemberg, que animará unha sesión de música en streaming e en directo (domingo, 26).

O festival disporá, tamén este ano, do vehículo Poemobil, que circulará polas rúas de Vigo dende o mércores 21 ata o sábado 24 de outubro, aínda que as declamacións dos poetas en vivo substituiranse por poemas sonoros consagrados á cidade olívica.

Vinte e un anos desde o pasamento do poeta e escritor Jack Kerouac, a cidade de Vigo acolle o décimo aniversario deste encontro de autor, que nos últimos cinco anos tense estendido a Nova York e tamén a Cidade de México, servindo como ponte de unión no Atlántico para proxectos artísticos e culturais de vangarda literaria. Nas súas dez edicións, ten acollido as achegas poético-literarias de figuras emerxentes do panorama nacional e internacional das letras, tales como: Sheila Blanco, Wöyza, Francisco Castro ou Lupita Hard.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre