Inicio Galicia Anxo M. Lorenzo participa en Soutomaior na entrega dos XXV Premios...

Anxo M. Lorenzo participa en Soutomaior na entrega dos XXV Premios Lois Peña Novo

0

Os galardóns, concedidos pola Fundación Lois Peña Novo, contan co apoio da Consellería de Cultura e Turismo e recoñecen nesta edición o traballo a prol da normalización da lingua galega de Manuel Bermejo, Carlos Salgado e Paz Filgueira

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe ao serán no castelo de Soutomaior na cerimonia de entrega da XXV edición dos Premios Lois Peña Novo, que concede a Fundación Lois Peña Novo co apoio da Consellería de Cultura e Turismo e que recoñeceu nesta ocasión o traballo a prol da normalización da lingua galega desenvolto por Manuel Bermejo, Carlos Salgado e Paz Filgueira, nos ámbitos da investigación, da docencia e da xustiza.

Anxo M. Lorenzo salientou na súa intervención “o labor de Manuel Bermejo e Carlos Salgado, docentes e investigadores dos ámbitos da química e da física que combinan o seu traballo co uso da lingua propia de Galicia. Profesionais comprometidos co emprego do galego que contribúen a dinamizar o seu uso e inciden no seu prestixio social”. “Un prestixio -abondou- necesario, como sabemos, á hora de facer que o galego sexa lingua habitual dos xulgados e dos xuízos, algo tan positivo para o idioma como para a xustiza e a equidade que busca a cidadanía cando se ve inmersa nun proceso xudicial, ámbito no que destaca claramente o labor de Paz Filgueira”.

O director xeral felicitou os tres premiados “non tanto polo galardón que hoxe reciben, como por unha traxectoria profesional impecable, coherente e exemplar, que abre e mostra camiños para a lingua propia de Galicia aos compañeiros e compañeiras que os rodean e tamén ás novas xeracións”. “Parabéns porque son dignos herdeiros de Lois Peña Novo, quen rompeu moldes a prol do galego desde o seu posto de secretario dos concellos de Vigo, Sada e Lugo, e a por outros 25 anos máis de premios a bos e xenerosas que han recibir neste castelo de Soutomaior o recoñecemento da sociedade galega, porque cada premio que se entrega, cada traxectoria que se visibiliza, é, sen dúbida, xerme doutro novo”, concluíu.

Fundación Lois Peña NovoA Fundación Lois Peña Novo, cuxo presidente, Xosé González, tamén participou na cerimonia, foi creada en lembranza de quen foi impulsor do uso do galego nos concellos e administracións públicas galegas, ten entre os seus obxectivos a promoción e a difusión do idioma no marco das administracións públicas, das empresas que manteñan relación directa con elas e da sociedade en xeral. Co fin de apoiar este cometido, a Consellería de Cultura e Turismo -a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- vén colaborando desde hai anos con esta entidade na convocatoria dos Premios Lois Peña Novo, que nas súas 25 edicións lles foron concedidos a entidades e persoas cunha destacada contribución ao labor de fixar e estender o uso da lingua galega.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre