Inicio Galicia Anxo M. Lorenzo destaca a excelencia e capacidade de estímulo á creación...

Anxo M. Lorenzo destaca a excelencia e capacidade de estímulo á creación en galego do Premio de Poesía Afundación

0

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou na entrega da XVII edición do galardón ao escritor Miguel Sande por ‘Os filósofos xa non brindan con cicuta’

A obra Os filósofos xa non brindan con cicuta do escritor Miguel Sande fíxose esta tarde co XVII Premio de Poesía Afundación, promovido por Afundación, a Xunta de Galicia e o Centro PEN Galicia. Durante o acto de entrega, que tivo lugar na sede da rúa do Vilar de Afundación, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, destacou o alto nivel literario deste renomeado certame que “coida todos os detalles e serve de acicate para os creadores”.

Este galardón comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias Centro PEN Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña ou Estíbaliz Espinosa, gañadora da anterior convocatoria.

Anxo M. Lorenzo felicitou ao premiado por sumarse a esta prestixiosa lista de escritores e desexoulle “que lle cheguen máis éxitos no futuro, porque isto sempre será unha boa nova para a literatura e a cultura galegas”.

O certame conta co apoio e a participación da Xunta de Galicia que vén colaborando desde hai anos con esta cita de referencia na axenda cultural galega, á vez que estimula a creación literaria. Con este obxectivo, o Goberno autonómico contribúe coa realización de diversos premios e certames literarios, como o Premio de Relato Breve Nélida Piñón, ou o Premio de Poesía Concello de Carral, entre outros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre