Inicio Galicia Ángeles Vázquez subliña o traballo medioambiental desenvolvido polo Porto de Vigo ata...

Ángeles Vázquez subliña o traballo medioambiental desenvolvido polo Porto de Vigo ata converterse en referente verde de Europa

0

A conselleira de Medio Ambiente participou na presentación do proxecto ‘Peiraos do Solpor’, unha iniciativa pioneira froito da colaboración público-privada que persegue a rexeneración dos fondos mariños mediante técnicas innovadoras

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo en valor esta mañá o traballo desenvolvido nos últimos anos pola Autoridade Portuaria de Vigo para facer compatibles o desenvolvemento e a actividade industrial propios dun porto, coa conservación do ecosistema mariño e a riqueza ecolóxica existentes nesta dársena.

Así o subliñou durante a presentación de Peiraos do Solpor, o último proxecto do porto vigués no marco da estratexia Blue Growth 2016-2020, que ten como obxectivo apoiar o crecemento do emprego vencellado ao mar de xeito sustentable no conxunto da UE e na que tamén contou coa colaboración da Xunta para levar a cabo iniciativas puntuais.

Vázquez Mejuto, que estivo acompañada na presentación pola secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, felicitou á Autoridade Portuaria de Vigo “por ser un bo exemplo” de que os portos poden actuar como “xeradores de riqueza ecolóxica” e protectores da “biodiversidade” que albergan as súas dársenas. Neste sentido, referiuse ao “esforzo” realizado nos últimos tempos para reducir e controlar os vertidos ata achegarse “aos máis altos estándares”. Un traballo a prol da sustentabilidade e da diminución dos impactos ambientais ligados á súa actividade que, en opinión da conselleira, sitúan hoxe en día á dársena viguesa como “referente de porto verde no sur de Europa”.

O proxecto Peiraos do Solpor trátase dunha iniciativa medioambiental de rexeneración dos fondos mariños baseada no aproveitamento da experiencia dos bateeiros para empregar as estruturas verticais existentes na creación de ecosistemas de microhabitats para a implantación de algas e novas especies.

Ao respecto, a conselleira subliñou que este proxecto pioneiro se trata dun exemplo de éxito da colaboración público-privada, xa que na iniciativa están implicados, ademais do porto, o Campus do Mar, o Cetmar, o Centro Oceanográfico e o CSIC. Por este motivo, felicitou á Autoridade Portuaria de Vigo por apostar por este tipo de accións de carácter ambiental que van na mesma liña na que está a traballar o seu departamento, co obxectivo común de garantir un desenvolvemento económico sustentable e mitigar o cambio climático.

A folla de ruta da XuntaPrecisamente, a responsable autonómica salientou a importancia de facer fronte ás ameazas medioambientais e ao fenómeno do quecemento global para o futuro dun sector como o pesqueiro, clave en Galicia.

Para camiñar nesa dirección, Vázquez Mejuto indicou que o seu departamento traballa xa con dúas follas de ruta. Por un lado, avanzou que na propia Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 (ECCE), sometida xa ao trámite de participación pública, o sector mariño e a pesca son un dos eixos analizados. “O futuro de Galicia pasa por converterse nunha rexión conformada por ecosistemas e poboacións resilientes ao cambio climático”, explicou a conselleira, que engadiu que para cumprir este obxectivo o horizonte fixado é 2050.

Así mesmo, xunto á ECCE, a acción do Goberno galego tamén está marcada pola chamada Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible. Este plan de acción impulsado polas Nacións Unidas propón unha aposta decidida en favor das persoas, o planeta e a prosperidade artellada arredor de 17 grandes obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) que a Xunta xa ten adoptado como propios. Entre eles, como explicou Ángeles Vázquez, hai un referido á vida mariña e ás ameazas ás que se enfrontan mares e oceános, como a acidificación das augas polo aumento do CO2 ou a presenza de plásticos, polo que incidiu en que iniciativas como Peiraos do Solpor axudarán a camiñar “con paso firme” cara a un aproveitamento sustentable dos nosos mares.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre